A Consellería de Economía, Emprego e Industria facilitará a concesión de préstamos para o financiamento do circulante que precisan as pequenas e medianas empresas e os autónomos.

A Xunta de Galicia ten previsto mobilizar 15 millóns de euros en préstamos para facilitar o acceso ao circulante das pemes galegas a través do lanzamento dunha nova convocatoria do programa Resolve para este ano 2017.

Esta medida favorecerá as necesidades de funcionamento ordinario das pequenas e medianas empresas e dos autónomos. A través desta liña, a Consellería de Economía, Emprego e Industria facilitará a concesión de préstamos comprendidos entre 3.000 e 150.000 euros, que aspiran a mellorar a situación financeira de arredor de 300 pemes galegas.

A activación do Resolve 2017, se articula a través dun convenio entre o Igape, as Sociedades de Garantía Recíproca (SGR) e as entidades financeiras, permitirá a mobilización de préstamos por 15 millóns.

As operacións financeiras apoiadas ao amparo do Resolve terán un prazo máximo de duración de 7 anos, incluídos 2 de carencia. Así mesmo, cómpre salientar que, por segundo ano consecutivo, esta liña de circulante se tramitará polo sistema de anticipado de gasto para procurar que as pemes dispoñan deste instrumento desde comezos de ano.

O programa, que se activa trala súa publicación no Diario Oficial de Galicia (DOG), permanecerá aberto ata o próximo 31 de outubro. Deste xeito, as empresas disporán de ata 10 meses para presentar as súas propostas, co obxectivo de facer o programa o máis accesible posible.

A través do Resolve, posto en marcha en 2009 e enmarcado dentro do programa Galicia 1000, a Xunta ten aprobado máis de 3.000 operacións para mobilizar préstamos para circulante por importe de máis de 104 millóns de euros.