Beneficiaranse as localidades de Melón, Ourense, Pereiro de Aguiar e Sandiás.

O orzamento da Xunta para os servizos sociais na provincia crece un 20%

O director xeral de Inclusión Social, Arturo Parrado, acompañado pola secretaria territorial da Xunta en Ourense, Silvia Dorado, deu a coñecer o incremento no financiamento para a contratación do persoal técnico dos servizos sociais comunitarios municipais no marco do Plan Concertado na cidade de Ourense.

Grazas ao reforzo de 49.061 euros (un 20% máis que no ano anterior), a cidade contará cun psicólogo máis, chegando aos 17 empregados destes perfís no concello. “A partir de agora, Ourense poderá ofrecer unha mellor e máis pronta atención a todos aqueles cidadáns que o precisen”, afirmou o director xeral.

Ao fío disto, Arturo Parrado detallou tamén que a demarcación ourensá contará con cinco traballadores sociais e un psicólogo máis que no pasado ano, no que dispuña dun plantel de preto de 100 traballadores.

En total, para Ourense e o resto de municipios da provincia beneficiados por esta medida, Parrado apuntou que se destinarán un total de 260.407,54 euros, o que supón un incremento do 16,5% con respecto a 2015.

Atendendo ao tamaño poboacional de cada concello, o financiamento distribuirase entre sete concellos de menos de 5.000 habitantes; 10 concellos de entre 5.001 e 10.000 habitantes; 6 concellos entre 10.001 e 20.000 habitantes; 12 concellos de entre 20.001 e 50.000 habitantes e un total de 5 concellos con máis de 50.000 habitantes. Así, poderán beneficiarse deste reforzo as localidades de Melón, Ourense, Pereiro de Aguiar e Sandiás.