Oito de cada dez visitantes nunca antes estiveran na cidade, e na súa maioría proceden doutras provincias de España.

A Oficina de Turismo atendeu 1.200 persoas durante a campaña de Nadal

Desde o acendido das luces de Nadal, cando deu comezo a campaña Ourense con luz propia, a Oficina de Turismo de Ourense atendeu un total de 1.201 turistas, un 12% máis que no mesmo período (27 novembro – 7 xaneiro) dos anos anteriores (1.075 e 1.086 respectivamente).

E todo elo pese a que as datas de Nadal máis significativas coincidiron en fines de semana, limitando así os festivos proclives a programar viaxes. A maioría destes turistas procedían doutras comunidades autónomas dentro do estado español e, para oito de cada dez, era a súa primeira vez en Ourense. Porén, o dato máis significativo é o aumento no número de noites na cidade.

“A tendencia é que cada vez se queden máis tempo na nosa cidade”, corrobora o alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, quen apunta como causa ao “intenso programa de actividades desenvolvido nestas datas dentro da campaña Ourense con luz propia” como aliciente, afirma.

E é que as enquisas da oficina municipal rexistran un número parello de persoas que veñen pasar o día á cidade cos que se quedan dous ou máis días. Neste período festivo, foron 606 os turistas atendidos na Oficina de Turismo que estaban a pasar o día polos 595 que aseguraron quedarse dous días (303) ou máis (292).

Unha tendencia que se nota, tamén, no incremento de material turístico -mapas da cidade e da oferta termal, información sobre roteiros e actividades, etc.- enviado aos hoteis da cidade desde a propia oficina de recepción de visitantes.

A orixe destes visitantes é, na súa maioría (1.057), do estado español, sendo 203 os que se achegaron de diferentes puntos de Galicia. Os estranxeiros (144) proceden de Europa (92), América (36) e do resto do mundo (16). Neste sentido, o turismo internacional supón un 41% máis dos que se atendeu no mesmo período do ano anterior.