Para facilite a coordinación de todos os medios e recursos.

O grupo do Partido Popular na Deputación ven de presentar unha moción para o seu debate no pleno de xaneiro na que propón elaborar un mapa provincial de emerxencias que facilite a coordinación de todos os recursos e medios dos que dispoñen as distintas administracións en Ourense.

Segundo sinala a proposta, a provincia dispón de dunha ampla rede de medios e infraestruturas, entre as que se citan o Consorcio Provincial de Ourense contra Incendios e de Salvamento, os parques de bombeiros de Ourense, Celanova e do polígono Industrial de San Cibrao das Viñas, ademais dos Grupos de Emerxencias Supramunicipais (GES).

Para o grupo popular, a Deputación de Ourense, a través do Consorcio de Emerxencias e de Salvamento, debe xogar un papel fundamental no proceso de elaboración deste mapa asumindo neste sentido as tarefas de cooperación e coordinación entre todos os servizos de emerxencia, en beneficio do conxunto da provincia.

Este instrumento, engade a moción, permitiría aproveitar todos os recursos que en materia de emerxencias teñen a súa disposición as diferentes administracións, destacando que para o deseño do citado mapa utilizaranse criterios técnicos baseados nas isocronas da Axencia Galega de Emerxencias/112, dende a que se movilizan todos os operativos de emerxencias de Galicia.

A proposta tamén inclúe unha solicitude dirixida á Xunta de Galicia para que tamén se implique no deseño e xestión deste mapa, en colaboración co resto das administracións.