Fraga Civeira indica que a política de Baltar cos concellos nos deixa atrás con respecto ás outras provincias galegas.

Dende o Grupo Provincial Socialista levan alertando da ausencia de criterios obxectivos á hora de facer o reparto de financiamento e axudas entre os concellos, en numerosas ocasións.

O pasado setembro, os socialistas levaron, para o seu debate en Pleno, unha moción que instaba ó goberno da Deputación para que se recollese, nos orzamentos de 2017, un Plan de Cooperación cos Concellos que agrupase tódalas actuacións de cooperación municipal no exercicio. Así mesmo, insistíase na necesidade de que tódalas accións de axuda ou subvención a Concellos fosen concedidas a través do procedemento de convocatoria pública e tendo en conta criterios obxectivos.

Nembargante, quéixanse de que o proceder do goberno do PP, segue a ser o mesmo, ano tras ano, a maiores do plan de cooperación incluído nos orzamentos, que se torna sempre insuficiente, xestionan outros plans, convenios e axudas directas que non responden a outro criterio que o da preferencia e o oportunismo político. É de sobras coñecido que está no ADN do propio goberno provincia, conceder axudas e subvencións a concellos amigos e sen ningún tipo de fiscalización, a través de Xuntas de goberno ou Decretos da Presidencia. “Sen embargo, xa que Baltar leva vendendo unha transparencia que non practica, dende o Grupo Provincial Socialista, animámolo a que copie doutros bos exemplos de xestión provincial e faga as cousas sen a opacidade de costume e con arranxo ós criterios de concorrencia, xustiza e equidade”. “Goberne quen goberne nos concellos, sexan máis ou menos afíns ó goberno provincial, deben poder optar ós fondos de xeito equitativo, posto que a Deputación  ten como función, a asistencia e cooperación coas entidades locais da provincia”, indica o Portavoz socialista, Francisco José Fraga.

Tal como se denunciou moitas veces, os socialistas queren un plan serio, integral e xusto no reparto das axudas para os concellos de Ourense. Queren, tamén, que se hai ingresos adicionais ou remanentes de tesourería, se apliquen criterios obxectivos no acceso a estes fondos e non se fagan modificacións orzamentarias  ad hoc, dependendo dos intereses dese momento. Poñen como exemplo o ambicioso plan da Deputación da Coruña, pero tamén podería por outros como Lugo ou Pontevedra, todas elas gobernadas polo PSOE. Na Deputación presidida por González Formoso, por exemplo, en novembro pasado, presentouse un plan de investimentos moi ambicioso, tanto en cantidade como en eficiencia á hora do reparto. Cuns obxectivos moi claros, axudar a sanear as economías municipais e favorecer a creación e mantemento do emprego a nivel local, acometeuse un plan baseado no reparto obxectivo, no reforzo da autonomía municipal e na asistencia a unhas entidades locais afogadas polas medidas financieiras do goberno central.

Dende o grupo socialista na Deputación, coidan que é o momento de implementar un plan similar, que teña en conta todos os aspectos do financiamento dos concellos, incluíndo os plans de aforro e investimento, cos cales se pode axudar ás entidades locais da nosa provincia a reducir a súa débeda e aminorar as súa obrigas coas entidades bancarias, así como financiar novos investimentos. Tal como leva defendido Fraga Civeira, a Deputación só ten sentido se asiste económica e tecnicamente ós concellos de Ourense e remarca que, tal como xa se preveu en setembro, non se poden escusar máis na falta de cartos, posto que hai ingresos adicionais e remanente suficiente para afrontar, dunha vez por todas, un plan que permita ós gobernos municipais actuar con previsión, competir en igualdade e simplificar os seus trámites coa administración provincial.