A mostra, que recolle o traballo de Xosé Abad, pode visitarse na Sala de Exposicións de Verín ata o 11 de febreiro.

Exposición fotográfica «Oficios entre lusco e fusco»

A Sala de Exposicións de Verín acolle a mostra fotográfica «Oficios entre lusco e fusco», que o Concello organiza xunto a ABANCA e Afundación.

Composta por imaxes do fotógrafo Xosé Abad, a mostra, que se poderá visitar ata o 11 de febreiro, ten como obxectivo reflexionar sobre a desaparición de moitos oficios pola mecanización do traballo e a produción en masa no ámbito da sociedade de consumo, ensinando como a calidade da produción, a experiencia como garantía ou a consideración cara aos profesionais, son valores que están en claro retroceso.

Esta iniciativa é parte do proxecto de ABANCA e Afundación de trasladar propostas culturais fose dos seus espazos co obxectivo de achegalas a habitantes doutras poboacións. A mostra, de entrada libre e gratuíta, poderase visitar en horario de luns a venres de 17.00 a 21.00 h e os sábados de 10.00 a 14 e de 17.00 a 20.30 h.

A mostra e o artista
«Oficios entre lusco e fusco» conta a través da fotografía a historia de cada protagonista. Emprega a luz, a mirada, a roupa, o traballo e todos os elementos que reflicten o modo de vida nun momento de cambios e novidades tecnolóxicas diarias, de consumo rápido e fabricación urxente. O traballo de Xosé Abad permite contemplar moitas profesións que, dentro de poucos anos, só permanecerán nos libros de historia.

En definitiva, esta serie eríxese como un «derradeiro raio de luz antes de que o saber a súa influencia e xeito de entender o mundo desapareza». O autor emprega un esquema de iluminación acorde con ese intre do día que, ademais, nomea a propia mostra. Cuns claroscuros que recordan a obra de Caravaggio, Xosé Abad suxire espazos e ferramentas, define o lugar de traballo, documenta a presenza de universos onde se funden o privado e o laboral. «Oficios entre lusco e fusco» é testemuño gráfico dos derradeiros tempos da coexistencia de dous xeitos de produción moi diferenciados. É, pois, a documentación da desaparición gradual do «traballo ben feito, a personalización do trato e a orixinalidade de cada peza».