O Salón de Plenos acolleu a presentación das accións do Concello neste evento, onde sobresaen o stand propia da Concellería de Turismo, o restaurante #SaboresdeOurense, un encontro de bloggers gastronómicos e paquetes turísticos creados para a ocasión.

O Concello de Ourense reforza a súa colaboración con Xantar

“Estamos, un ano máis, ás portas do Salón Gastronómico Xantar, que leva, con este, 18 anos demostrando que a boa mesa fai grandes amigos. E é que a cociña é un dos tesouros patrimoniais desta cidade, algo do que nos sentimos especialmente orgullosos e do que presumimos alá por onde imos”. Así avanzou o alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, a presentación das accións do Concello no Salón Gastronómico Xantar, na que tamén participaron o concelleiro de Turismo, Jorge Pumar; o membro do patronato de Expourense, Juan Carlos Parada; e a directora adxunta de Expourense, Emma González.

Con este espírito de anfitrión acude o Concello, pois, á cita anual coa boa mesa de Xantar. Este ano, como vén sendo costume, estará recibindo os milleiros de visitantes do salón gastronómico co Stand propio da Concellería de Turismo e Termalismo, onde poderán coñecer todo o bo que ten que ofrecer a nosa cidade.

Estará presente o Concello, tamén, co Restaurante do #SaboresdeOurense, no que haberá seis dos establecementos gañadores das últimas edicións do Concurso de Pinchos.

“Un dos obxectivos deste tipo de eventos é precisamente a promoción, e por iso este ano hai organizado un encontro de bloggers gastronómicos, que serán os encargados de contarlle ao mundo todo o que viron aquí. E como non hai mellor forma de contar unha cousa que vela e vivila en directo, Xantar é unha ocasión estupenda para os paquetes turísticos creados especialmente para a ocasión: paquetes que inclúen o desprazamento desde as cidades con aeroporto ata Ourense, visita ás instalacións termais, cociña, paseos pola cidade, etcétera. A cidade xa viste de Xantar, pois a promoción na rúa é un elemento que anima a moita xente a apuntalo na axenda”, sinalou Jesús Vázquez.

“Porén, a celebración de Xantar, no que lle daremos a benvida a Panamá como país convidado, dános a oportunidade de que os visitantes se acheguen á cidade, onde descubrirán unha ampla e variada oferta hosteleira, desde os lugares máis tradicionais até a cociña de vanguarda. Febreiro comeza con Xantar e acabará cun dos fitos do ciclo festivos de Ourense, o Entroido. Benvido, pois, febreiro co seu Xantar e co seu Entroido, dúas citas das que, de seguro, disfrutaremos ao redor da mesa e como bos amigos”, concluiu o alcalde, Jesús Vázquez.