Os alcaldes da Teixeira, Río e Chandrexa propoñen á Deputación unha mellora nas comunicacións da comarca.

Melloras nas comunicacións

O presidente provincial, Manuel Baltar, expresou a “total receptividade” a esta demanda e dixo que a Deputación de Ourense realizará un estudo técnico e avaliará o custe económico das obras de mellora na estrada que comunica o Alto da Cerdeira coa N-120.

O presidente da Deputación de Ourense reuniuse no Pazo Provincial cos alcaldes da Teixeira, San Xoán de Río e Chandrexa de Queixa, Miguel Cid, Luis Castro e Francisco Rodríguez, respectivamente, quen lle propuxeron a realización de obras de mellora na estrada que comunica o Alto da Cerdeira coa Nacional 120.

Os rexedores locais solicitáronlle ao presidente do goberno provincial que se faga un estudo técnico, coa correspondente avaliación económica, das melloras que se poidan implementar nesta infraestrutura viaria de titularidade provincial.

Os alcaldes demandan as ditas melloras, segundo explicou o presidente Baltar, para dispoñer dunha conexión máis directa e porque este itinerario “pode ser unha vía de acceso a un dos recursos turístico, deportivo e de ocio da provincia de Ourense como é a estación de montaña de Cabeza de Manzaneda”.

O presidente provincial expresou “a total receptividade da Deputación de Ourense a esta demanda”, e xa solicitou aos servizos técnicos da institución provincial a realización do correspondente estudo para determinar os traballos de mellora que habería que acometer nesta estrada, así como o importe económico do proxecto.