A provincia, segundo Ourense en Común, recibe só o 10% da inversión autonómica.

O voceiro de Ourense en Común, Martiño X. Vázquez, xunto ás deputadas de En Marea Ánxeles Cuña e Davide Rodríguez comparecían onte no Espazo en Común para dar conta dos investimentos para a provincia de Ourense contemplados nos orzamentos da Xunta de 2017.
A provincia, segundo Ourense en Común, recibe só o 10% da inversión autonómica.enfatizando os desequilibrios económicos e de servizos entre a Galicia costeira e interior.

Martiño X. Vázquez apuntaba ao “paradigmático feito de que, despois de dous anos de corporación municipal en Ourense, o primeiro orzamento ao que temos acceso as concelleiras de Ourense en Común sexa o da Xunta, que ademais non trae nada que celebrar a este concello. Seguimos sen ver investimentos directos para reivindicacións históricas como o Centro de Saude do Vinteún, polo que as veciñas de Palmés, Castro de Beiro, Vilar, Cudeiro, Canedo, as Eiroás, Oira, ou Peliquín, seguirán compartindo o saturado centro da Ponte, ése que se vai converter nunha rotonda no proxecto da intermodal. Non hai partidas para equipamentos deportivos, educativos ou culturais, non vemos investimentos para implementar o transporte metropolitano, nin para a pacificación das estradas de Seixalbo ou da Granxa, tamén unha demanda histórica das veciñas”.

O voceiro de Ourense en Común concluía que, no eido local, “vivimos na única cidade gobernada polo Partido Popular, a única das sete grandes cidades que nin presentou un borrador de orzamentos, e que volve a ser a menospreciada por un goberno do PP, co menor investimento do país e esmorecendo no esquecemento, xa que nin Jesús Vázquez, nin Baltar nin o veciño dos Peares fan nada por remedialo”.

Na análise en conxunto dos datos por provincias das principais entidades e axencias dependentes da Xunta, o investimento destinado á provincia de Ourense é dun 10%, moi por baixo do 39% da Coruña ou do 37% de Pontevedra. “Non hai que ser expertas en economía para ver que Ourense volve ser a última da fila en investimentos”, denunciou Ánxeles Cuña, engadindo que “tendo unha provincia con moita poboación avellentada que require servizos específicos resulta incomprensible que sexamos as grandes discriminadas polos orzamentos de Feijóo”.

Ademais de presentar uns orzamentos opacos dos que de moitas partidas se descoñece o seu destino, a Xunta propón un investimento por habitante tanto para Ourense coma para o conxunto de Galicia dos máis baixos de todo o Estado, “quedando por debaixo dos 220 euros/habitante”, como apuntaba Davide Rodríguez.

Os deputados de En Marea puxeron como exemplo máis destacado do abandono de Ourense en materia de políticas sociais e sanitarias o que está acontecendo co Centro de Atención a Persoas con Diversidade Funcional, que queda un ano máis sen os fondos necesarios para acometer o proxecto. Deste xeito, a provincia continuará sendo en  2017 a única de toda Galicia que non conta cun centro destas características, obrigando a ducias de familias a desprazarse ao resto de Galicia.

Tampouco se contempla ningún programa solvente de recuperación demográfica para a provincia de Ourense, unha das máis afectadas polo despoboamento e a perda de servizos nos concellos máis rurais. E o investimento para innovación redúcese a un 1% para o conxunto da provincia, namentres na de Lugo acapara o 87%, destinado na súa meirande parte ao aeródromo das Rozas. Nese sentido, Davide Rodríguez lamentou que non se contemplen programas específicos para o medio rural e “que se desaproveiten nichos de  emprego que poderían ser as comunidades de montes, que seguen sen estar orzamentadas para revitalizar Ourense”.