En centros de toda a provincia.

Os contratos-programa desenvolverán 101 actividades

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, formalizou cunha sinatura simbólica os contratos-programa que desenvolverán 44 centros educativos públicos da provincia de Ourense, cun total de 101 iniciativas diferentes.

Rodríguez lembrou que a Consellería vai reforzar o papel docente coa contratación de 13 profesores de apoio, que se centrarán, fundamentalmente, no desenvolvemento da liña 1 da iniciativa, a relativa a reforzo, orientación e apoio, herdeira do antigo Plan PROA.

A través de iniciativas como os contratos-programa, se teña reducido ata niveis históricos na Comunidade a taxa de abandono temperá, que foi en 2016 dunha media do 15,2%, o que supón unha forte baixada desta taxa desde o ano 2009, que foi dunha media do 25,8%, e 3,8 puntos menos que a media de España, que finalmente acadou o 19% no 2016.

Máis de 100 iniciativas
Os 44 centros de ensino públicos da provincia que participan este ano desenvolverán un total de 101 iniciativas diferentes nas 6 liñas diferentes de actuación que compoñen a convocatoria: Acompañamento escolar fóra do horario lectivo, Mellora das competencias clave, Mellora da convivencia e promoción da igualdade nos centros, Prevención do abandono temperán e do absentismo escolar, Mellora do nivel de coñecementos para acadar a excelencia e Mellora da calidade na xestión dos centros.

A liña de actuación número 1 (antigo programa PROA) destínase ao reforzo, orientación e apoio do alumnado que presente dificultades de aprendizaxe, así como daquel con desvantaxe educativa polo contorno sociocultural. Un total de 35 centros docentes desenvolverán esta primeira liña, para o que contarán cun total de 12 docentes de apoio contratados a maiores pola Consellería para tal fin. A liña número 2, a referida á mellora das competencias clave, será desenvolvida por 38 centros.

No caso da terceira liña, que se centra na mellora da convivencia e na promoción da igualdade, contará coa participación de 13 centros; a liña 4, dirixida á prevención do abandono escolar temperán e do absentismo escolar, será desenvolvida por 1 centro.

Nas liñas 5 e 6, dirixidas á mellora do nivel de coñecementos para acadar a excelencia e á mellora da calidade na xestión dos centros, participarán 9 e 5 centros educativos públicos, respectivamente.

Os contratos-programas procuran unha mellora da calidade do ensino para reducir a porcentaxe de alumnado con baixo rendemento. Para iso, cada centro de ensino analiza as súas eivas e fortalezas e propón á Administración educativa a sinatura dun documento, ‘o contrato-programa’, no que se propoñen actuacións para a mellora do alumnado. Deste xeito, a actuación funciona como un exercicio de autonomía dos centros, posibilitando que deseñen os seus propios plans de mellora en base ás súas necesidades particulares.

A iniciativa permite visibilizar e poñer en valor o esforzo e o investimento, tanto do centro como da Administración educativa, para o éxito escolar, facendo partícipe ao profesorado mediante o recoñecemento do seu labor.