O 23 de abril darase o pistoletazo desta edición no barrio do Vinteún.

A pouco máis de dúas semanas do Correndo por Ourense

Xa está aquí a sétima edición do circuíto de carreiras populares «Correndo por Ourense». Como cada ano, seis carreiras por distintos barrios da cidade das Burgas, que darán comezo como sempre coa proba do Vinteún.

Todas as probas serán en horario de mañá (a partir das 12:00h nas categorías de menores de idade e as 12,30 horas coa proba de adultos) e en domingo, agás a do Couto, que será nocturna (desde as 22:00h, con saída ás 22:30h na proba de adultos) e en sábado. Entrarán en competición os que participen en, alomenos, cinco das seis carreiras.

Para a categoría absoluta será un total de 35,5 quilómetros repartidos nas seis probas. A distancia das carreiras oscilarán entre os 5,6 km da carreira do centro, e os 6.400 metros dos da Universidade.

Carreiras
– Domingo, 23 de abril: Carreira do Vinteún
– Sábado, 27 de maio: Carreira do Couto, que será nocturna
– Domingo, 25 de xuño: Carreira do Corpus, polo centro da cidade
– Domingo, 3 de setembro: Carreira da zona universitaria
– Domingo, 24 de setembro: Carreira da Ponte
– Domingo, 22 de outubro: Carreira da Carballeira

Como novidade, a carreira do barrio da Ponte terá un marcado carácter medioambiental xa que, coa colaboración da Consellería de Medio Ambiente da Xunta de Galicia, realizarase un programa de actividades para nenos e adultos destinadas a fomentar a reciclaxe, a recollida selectiva e o coidado da contorna natural.

Inscricións
As persoas interesadas poden inscribirse a través da páxina web do Consello Municipal de Deportes www.deportesourense.com. O prazo remata o mércores anterior a cada carreira, e vólvese abrir ao luns seguinte. Xa hai preto de 400 inscritos máis de dúas semanas para que de lugar esta edición.

A inscrición no circuíto ten un custe de 7 euros (para as 6 carreiras) nas categorías junior, promesa, sénior e veteranos. Nas restantes categorías é gratuíta. Unha parte da inscrición irá destinada a un colectivo social.

Poden participar atletas federados e non federados. Haberá novamente as categorías pitufos (ano 2011 e posteriores), benxamín, alevín, infantil, cadete, xuvenil, junior, promesa, sénior (1994 e anteriores), e veteranos, en 4 categorías; de 35 a 44 anos, ata 54, ata 64 e maiores de 65. A inscrición e dorsal son únicos para todo o circuíto.