Poderase visitar en Allariz ata o outono.

A memoria, eixe central do VIII Festival de Xardíns

O VIII Festival Internacional de Xadíns de Allariz xa está aberto ao público ata o vindeiro 29 de outubro. Sete países estarán presentes nesta edición, que leva por lema “Os xardíns da Memoria”, unindo a este xa tradicional festival coa Festa do Boi, que conmemora o seu 700º aniversario.

Na presentación estiveron presentes autoridades coma o alcalde de Allariz, xunto con parte da súa corporación. Tamén acudiron o alcalde de Baños de Molgas, Xosé Xaime Iglesias e o tenente de alcalde de Verín, Diego Lourenzo, entre outros. A apertura do evento correu a cargo do humorísta Sergio Pazos.

En total, son 10 propostas dunha gran -e efímera- beleza artística as que compiten nesta edición. Entre elas, globos que suxeitan unha rede, unha cadea de ADN ou un xardín que nos traslada ao ano 2168.

Xunto ás 10 propostas que entran en concurso para coroarse como mellor xardín tamén estará presente a dos alumnos do CEIP Padre Feijóo de Allariz, e a  gañadora do ano pasado, “Terraformación”, do galego José Souto; estas dúas fóra de competición.
Na inauguración de 2017 José Souto recalcou no seu discurso a importancia de espazos verdes, que melloran a “calidade de vida dos cidadáns”.

Universal
Este festival ten carácter universal, mostra delo é que o xurado elexiu as propostas finalistas de moitos puntos do planeta. Galicia ten dúas representacións (de Pontevedra e Lugo), o mesmo que Italia e Brasil. As outras obras chegan da República Checa, México, Polonia e Austria.
O prezo da entrada para poder visitar os xardíns (e votar polo mellor) é de 2 euros, e dun só euro para os xubilados.
Durante seis meses estarán expostas ao público estas obras de arte, e serán os mesmos visitantes os que decidan cal será a obra gañadora, repetindo exposición na edición do ano que vén.

O Festival de Xardíns atrae durante todos estes meses a milleiros de visitantes chegados de Galicia e de fóra das nosas fronteiras, tanto nacionais coma internacionais.