Entrevista a Iria Saeta, nova xogadora do Poio da Primeira división de fútbol sala.

“O Cidade sempre será o meu equipo e  estarei pendente de como quedan, de como están durante a semana”

A xogadora ourensá ficha polo Poio tras 10 anos no Cidade das Burgas.

Iria Saeta recíbenos despois dunha xornada no campus de fútbol sala que leva o seu nome. Sentámonos nun banco da central dos Remedios, que ata agora estaba acostumada a utilizar como cancha local. Na vindeira campaña cando a pise faráo como visitante.

Fin a un ciclo, deixas o equipo da túa vida. Coustouche tomar a decisión?
Iria Saeta: “Costar costoume. Como dis é o equipo da miña vida e é difícil de saír. Aínda a día de hoxe -pasaron xa varias semanas- non o teño moi asimilado que o ano que vén non estarei aquí. De feito, moitas veces falando o tomo como o meu equipo. Levo moitos anos e non me fago á idea de cambiar, pero é unha decisión bastante madurada e agora toca dalo todo co novo equipo”.

O novo equipo que é Poio.
I.S.: “Si, o equipo vai ser Poio”.

Desde fai moitos anos, equipos xa quixeron ficharte. Por que este ano decides cambiar de equipo?
I.S.: “Teño 25 anos. Despois de quedar dúas veces máxima goleadora penso que é unha ocasión idónea para marchar. O ano pasado quedeime por que pensei que o equipo quedaba moi tirado; pero este é un equipo de canteira e tarde o temperá as xogadoras marchan. Mirando un pouco ao futuro do club deberán facer algo para que as xogadoras non se vaian e tentar manter as que deciden irse.
>>Eu non me vou por ningún tema nin deportivo nin persoal, simplemente marcho por que, despois de ser dúas veces máxima goleadora -en Liga- debo aproveitarme da situación e gustaríame vivir alomenos un ou dous anos de forma máis profesional do fútbol sala”.

Iso é o que máis te move, sentirte profesional?
I.S.: “Si, o que buscaba desde un principio era eso , vivir por e para o fútbol sala. Había varios equipos que mo ofrecían, un deles era Poio, e por cercanía, por que o grupo é moi parecido a este e coñezo a algunha xogadora, decidinme por eles”.

Cantos equipos tentáronte?
I.S.: “Españois, seis ou sete equipo; logo había algún de Italia pero eses xa nin mos planteei”.

Que che ofrece Poio que non o fagan os outros equipos?
I.S.: “Había unha oferta maior que era a de Burela, pero non moito máis, e pola cercanía e non coñecer a moitas xogadoras de Burela decanteime por Poio, que ademais está a unha hora da miña casa”.

Que agardas deste ano?
I.S.: “A verdade é que teño moitas gañas de comezar. Imaxínome moito como será este ano. Supoño que a xente esperará moito de min e tentarei responder da mellor maneira sen meterme ningún tipo de presión”.

Coa túa aportación subirá da sexta posición na que rematou este ano e loitaredes polo título?
I.S.: “É complicado gañar a Liga, so hai que ver a Futsi que mantén o bloque desde os últimos anos. Poio rematou sexto este ano, a súa mellor clasificación histórica, polo que haberá que tentar mellorala este ano e gañar a Copa Xunta”.

Miraras de reollo ao Cidade
I.S.: “Si claro. O Cidade sempre será o meu equipo e estarei pendente de como quedan, de como están durante a semana. Pero agora cambio de club e de cidade, terei que estar centrada no meu”.

Vaste ti, as dúas porteiras, algunha xogadora,… como ves ao Cidade este ano?
I.S.: “É complicado, pero tamén o era o ano pasado cando marcharon Vane e Nespe. A xente pensaba que o equipo loitaría por non descender ou mesmo que descendería fixo. Porén se algo ten este equipo é que sempre lle poñe o 100% de gañas e de motivación para saír dos momentos complicados. Quizáis o máis complicado é o de que non teñen a día de hoxe porteira e hoxe en día é moi importante. Seguro que traerán a xente o mesmo as da base darán o mellor de si”.

Cres que ao Cidade fáltalle máis profesionalidade para manter a xogadoras coma tí?
I.S.: “Todos queremos o mesmo no fútbol sala: que se iguale un pouco ao masculino e para igualalo todos temos que ser algo máis profesionais. Nosotras mesmo non nos consideramos profesionais e non demandamos o trato que merecemos. E os equipos tamén deberían ser un pouco máis serios (o caso de Rubí que non se presentou no último partido contra Envialia). Para ser profesionais temos que pór cada un da nosa parte”.

Haberá volta ao Cidade?
I.S.: “Aínda non asimilei que marcho así que é complicado saber cando volvo. Non sei o tempo que estarei fóra, se un, dous, tres anos,… pero seguro que voltarei”.