Presentouse a 55ª edición da Festa do Pulpo

O Carballiño busca a excelencia na Festa do Pulpo

O Concello do Carballiño busca a excelencia na Festa do Pulpo. Para iso, proponse mellorar a calidade da programación cultural e da propia Festa do Pulpo na súa 55ª edición, que se celebrará o domingo 13 de agosto. Así o asegurou o alcalde, Francisco Fumega, durante a presentación do cartel e do resto do material de difusión que xa comezou a distribuirse por toda Galicia.
Así, Fumega dixo que “o pasado ano a Festa do Pulpo congregou a preto de 100.000 persoas que consumiron arredor de 70.000 quilos de pulpo, cos que se elaboraron 150.000 racións. Foi un fito na historia desta festa, que esperamos superar nesta próxima edición. Porén, o noso obxectivo non é de carácter cuantitativo senón cualitativo”.
Tamén se referiu ao obxectivo de acadar a internacionalidade. “Para esta edición, que esperamos sexa de tránsito cara á declaración de Festa de Interese Turístico Internacional, temos previsto desenvolver un programa certamente atractivo -que se presentará en vindeiras datas-, pero que podo adiantar xa que será un dos mellores dos últimos anos. Por suposto, como anticipo desta gran romaría imos elaborar de novo a tapa de pulpo máis grande do mundo, pero o reto non será agrandar máis o prato, senón diminuir o tempo de elaboración da tapa xigante”.

Cartel
O autor do cartel deste ano foi Ovidio Feijoo Oliveros. Este amosou o seu agradecemento ao concello por aceptar a súa proposta, que era como “o cumprimento dun soño”, dixo. Comentou que llo tiña prometido aos seus sobriños que residen na vila cos seus pais. Explicou que intentou fusionar os dous símbolos do Carballiño e de Nuremberg, como son o templo da Veracruz e o Castelo Imperial, co elemento identificador central, que é o pulpo. Así mesmo, destacou a diversidade de detalles alusivos ao oficio e á tradición pulpeira que incluiu dentro deste pulpo, como un traballo laborioso pero moi significativo.

Festa de Interese Turístico Internacional
Na procura de que a Festa do Pulpo sexa declarada Festa de Interese Turístico Internacional, o Concello do Carballiño tomou a iniciativa de dedicarlle a festa ao Centro Galego de Nuremberg (un dos requisitos para ter tal distinción). Ata a localidade alemana desprazouse unha delegación da corporación carballiñesa, acompañados por dous pulpeiros, o secretario xeral de Emigración da Xunta, Antonio Rodríguez Miranda e o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda.

Expocidades
O alcalde do Carballiño tamén viaxou ata Portugal para asistir á xornada inaugural de Expocidades, en Vila Real, co fin de promocionar a festa gastronómica por antonomasia da nosa comunidade autónoma.

CD
Os protagonistas da cantiga “Pulpeiriña do Arenteiro” presentaron o CD que acaba de editar o Concello para homenaxear ás pulpeiras e á Festa do Pulpo. O CD trae ademais deste tema outras 15 cancións máis cedidas pola Real Banda de Gaitas da Deputación de Ourense.