O día grande será o domingo 13 de agosto.

A Festa do Pulpo celebra este ano o seu 55º aniversario

Durante quince días, do 28 de xullo ao 13 de agosto, O Carballiño ofrecerá un amplo programa de actividades culturais, deportivas e de ocio para dinamizar a LV Festa do Pulpo. O programa foi presentado polo alcalde, Francisco Fumega, e os concelleiros de Cultura e Turismo, Diego Fernández e José Manuel Dacal, respectivamente.

Os eventos comezan o venres, 28 de xullo, cunha andaina nocturna aos petroglifos de Cangues e rematarán co concerto do grupo de musica pop “La Unión”, o venres 12 de agosto. Entremedias sucederanse concertos como os de Músicas de Sofá o venres e sábado 4 e 5 de agosto; Os Coribantes co grupo de pandereteiras Maianas e Manuele de Felisa, o luns 7; Budiño e Mercedes Peón, o mercores 9, e o Festival Folclórico Internacional, o xoves 10. Asemade, a Tapa de Pulpo máis grande do mundo, que será o martes 8, e outras actividades deportivas e de animación de rúa que se desenvolverán polos barrios.

O domingo 30 tamén darán comezo as Xociviga 2017, cunha semana de proxeccións no auditorio, exposicións e publicacións de interese cinematográfico.

Nesta edición a Festa do Pulpo renderá homenaxe a La Región Internacional polo 50 aniversario, e a Julio Gómez e a súa dona Lurdes Masid, xeadeiros de “La Ibense”.

Francisco Fumega resaltou a diversidade e calidade dos actos que se desenvolverán durante este tempo de verán no que O Carballiño duplica a poboación e se incrementan significativamente o número de turistas.

Diego Fernández tamén se referiu ao carácter aberto do programa, pensado para todos os públicos e co obxectivo de atraer a moitos visitantes, según dixo.

José Manuel Dacal centrouse na semana grande, que comezará coa banda de música popular Os Coribantes e rematará co gran concerto na praza Maior do grupo “La Unión”, así como a xornada do sábado dedicada ás peñas das camisetas, a emisión en directo do programa da TVG “Aquí Galicia”, e o propio día da Festa do Pulpo, o domingo 13 de agosto, coa romaría no parque municipal. A Banda de Gaitas de Xixón será o grupo invitado nesta ocasión. E o fin de festa correrá a cargo de Pili Pampón.

O concello editou 5.000 dípticos coa programación que comezarán a distribuirse mañá pola provincia e toda Galicia.