Terá lugar no Carballiño do 30 de xullo ao 4 de agosto.

Preto de 30 proxeccións na XOCIVIGA 2017

As XOCIVIGA 2017 botarán a andar este domingo, 30 de xullo, cunha xornada prólogo dedicada ao centenario do nacemento do actor Fernando Rey, que terá como protagonista a proxección na Praza Maior do película El bosque animado, coa presencia do director José Luis Cuerda. Precisamente, Cuerda escibiu un texto sobre o actor nado na Coruña, que foi coprotagonista desta película, e que se inclúe no libro-programa das Xociviga, que foi presentado polo alcalde, Francisco Fumega, e o concelleiro de Cultura, Diego Fernández.

Trátase dun dos mellores libro-programa da historia das Xociviga, pois contén textos de catorce directores, críticos e escritores, así como amplos reportaxes de El bosque animado, película da que se cumpren corenta anos da súa realización; das dúas exposicións (Retratos documentados. José Luis Abad, e Carlos Casares e o Cine) e dúas publicacións (libro-catálogo Retratos documentados. José Luis Abad, e Estrela e Eclipse de Mercedes Mariño, de Xosé Enrique Acuña); dos documentais, das longametraxes das sesión da noite e de cine infantil, das curtametraxes e das persoas galardoadas co XOCIVIGA DE HONRA e a INSIGNIA DE OURO.

Unha ampla e moi documentada información que lle otorga a este libro-programa o carácter de publicación de gran interese, e non só para cinéfilos, e que se distribuirá de xeito gratuito.
A importancia destas XOCIVIGA 2017 ven dada pola calidade da programación, así como pola oferta complementaria de exposicións, publicacións e proxeccións ao aire libre, como El bosque animado e a película de animación Maimiño, que se proxectará a noite do xoves por xentileza da Secretaría Xeral de Política Lingüística. Asemade, haberá un concerto de bandas sonoras a tarde dese xoves pola Banda Escola de Música da Limia.

De aí que entre outras autoridades, estas Xociviga contarán coa asistencia do secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; do secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e do director de AGADIC, Jacobo Sutil.
Dende a organización das Xociviga quérese agradecer o patrocinio da consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, de AGADIC, e da Deputación Provincial, así como de Miguel Anxo Fernández, de Xosé Manoel Rodríguez, de Suso Obenza, de Xosé Enrique Acuña, de José Luis Abad, Miguel Grandío, da Fundación Carlos Casares e doutros colaboradores sen cuxa dedicación non sería posible organizar un festival de tanto interese e cunhas publicacións sobresaíntes que trascenden o ámbito local e provincial para pasar a formar parte da historia da fotografía e da crítica cinematográfica galega.