Entrevista á cantante ourensá Selena Casal. Representará a Ourense Norte na sección “Recantos” de Luar (TVG).

“O director do auditorio díxome que tiña a voz máis doce que escoitara” 4 Representará a Ourense Norte na sección “Recantos” de Luar (TVG).

Se fora por simpatía xa tiña gañado o concurso. Pero podemos estar tranquilos xa que cantando non se queda atrás. Representará a Ourense Norte o venres 13 de outubro na sección Recantos, de Luar.

Por que decidiches participar en Recantos?
S.C.: “O ano pasado representou a Ourense Norte unha rapaza da que son moi fan, Paula Varela, e a raíz da súa participación comecei a pensar en cómo sería apuntarme eu ao concurso. Non obstante, en xullo vin o anuncio por curiosidade en Facebook, e como xa rematara a carreira pensei que apuntarme sería unha anécdota que podería contarlle ás miñas amizades, “mira, estou movéndome, fixen o cásting para Recantos do Luar”, pero a verdade é que en ningún momento pensei que me poderían coller”.

Como será a túa actuación?
S.C.: “Eu canto o venres 13 xunto coa recanteira da Mariña; cantamos unha canción que nos asigne o programa e cando rematamos de cantar puntúanos o xurado (que ten ata 30 puntos), os telespectadores (que teñen ata 10 puntos) e este ano incorporouse unha novidade, xa que as recanteiras e os recanteiros tamén votan a man alzada sobre as actuación das e dos compañeiros, así que a ou o concursante que reciba máis “mans alzadas” leva un punto máis”.

Supoño que as gañas de participar serán enormes, que din os teus familiares e amigos?
S.C.: “Que intente non caer dos tacóns no escenario (risas). Miña nai sempre me di que nin se me ocorra que se me suba á cabeza, que senón xa está ela para baixarme, e meu pai está que non colle nel, xa que se definiu como o meu representante”.

Cal é a túa relación coa música?
S.C.: “Levo cantando dende que tiña once anos, e a primeira vez que me subín a un escenario a cantar, o director do auditorio achegouse a min e preguntoume se tomara “moito moito azucre antes de cantar, porque tiña a voz máis doce que escoitara”, e bautizoume como “a Jeannette ourensá”. O meu avó materno foi o que me ensinou a cantar (el cantaba na Coral da Cañiza) e era o meu pilar no mundo da música e a quen lle dedico todos os pequeños pasiños que dou; hai tres anos que xa non está, pero cada vez que me subo a un escenario dedícolle a miña actuación e síntoo comigo: a música é o camiño máis doado para sentilo preto, ten un altísimo valor emocional para min”.

Presentácheste a outros programas musicais? Se non, o pensas facer?
S.C.: “Presenteime a concursos de karaoke, pero coa carreira nunca pensei e presentarme “en serio” a algún concurso. Non obstante, gustaríame probar sorte nun futuro na Voz ou en Operación Triunfo, simplemente por vivir a experiencia do cásting e por seguir metendo o pé neste mundo”.

Estas nun grupo. Cóntanos como se chama, que música fai,…
S.C.: ““Fayliin”, que en gaélico significa “reino de fadas” creouse fai un ano como un grupo de pop-rock ourensán. Mesturamos temas propios con versións de cancións coñecidas, como “La senda del tiempo” de Celtas Cortos o “Te dejé marchar” de Luz Casal. Compárannos un pouco con La Oreja de Van Gogh o El sueño de Morfeo, e temos uns riffs que se quedan rápido na cabeza. A nosa meta é que cando actuamos, as persoas movan o pé como mínimo, que xa significa que están gozando da nosa música. Temos canal en YouTube (Faylinn Ourense) e páxina de Facebook (co mesmo nome), por se alguén sinte curiosidade por ver o que facemos, creo que non decepcionaremos; pero qué vou dicir eu, que son a vocalista…”.