Así se acordou no grupo de traballo da Comisión do sector do viño, presidido pola directora xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias.

A campaña para os seguros agrarios terá lugar na semana do 13 de novembro

A campaña divulgativa para fomentar a contratación de seguros agrarios no sector vitivinícola galego, promovida pola Consellería do Medio Rural, terá lugar na semana do 13 de novembro. Así o anunciou a directora xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, Belén do Campo, tras presidir a xuntanza do grupo de traballo creado ao efecto dentro da Comisión Territorial de Seguros Agrarios.

Na devandita terceira semana de novembro celebraranse xornadas informativas dirixidas especificamente aos viticultores en cada unha das cinco denominacións de orixe vitivinícolas da comunidade autónoma (Monterrei, Rías Baixas, Ribeira Sacra, Ribeiro e Valdeorras). Programáronse nesas datas para non entorpecer os traballos da vendima e para facelas coincidir co prazo para asegurar os terreos, que se prolonga dende outubro a finais de decembro de cada ano.

Belén do Campo incidiu en que a realización desta campaña era un compromiso da consellería, asumido no seo do referido grupo de traballo. Deste órgano forman parte, ademais de técnicos de distintos departamentos de Medio Rural, Agroseguro, Enesa (Entidade Estatal de Seguros Agrarios), o Consorcio de Compensación de Seguros e a Delegación do Goberno en Galicia e as organizacións profesionais agrarias, os consellos reguladores das denominacións de orixe do viño de Galicia, así como responsables da Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia, Evega.