Organizado por Afundación proxectaranse na súa sede.

Cinco películas no ciclo de cine «Cinema de outono»

Afundación presenta o ciclo de cinema «Cinema de outono» cunha programación formada por películas que viran en torno ao mundo das artes protagonizadas por referentes da fotografía, a música, o cinema, a escultura e a moda.
Os filmes Across the Universe, Camille Claudel 1915, Hitchcock, Retrato dunha obsesión e Yves Saint Laurent son as escollidas para integrar o cartel deste ciclo que pasará pola sede Afundación de Ourense. A entrada a todas as sesións deste ciclo é libre e gratuíta ata completar a capacidade.

14 de novembro
Across the Universe (2007), de Julie Taymor, é un musical romántico ambientado nos Estados Unidos dos anos sesenta, entre as manifestacións en contra da guerra, as viaxes espirituais e o rock and roll. No medio desta situación, os protagonistas Jude e Lucy vense involucrados nas protestas que sacoden a súa cidade.

21 de novembro
Camille Claudel 1915 (2013), de Bruno Dumont, narra a historia da escultora Camille Claudel, unha muller libre e apaixonada que é internada en 1915 nun centro psiquiátrico pola súa familia, o que provoca que deixe de esculpir.

12 de decembro
Hitchcock (2012), de Sacha Gervasi, mostra o proceso de gravación da película Psicosis cando o director se atopaba na cima da súa carreira. Debido á aparente baixa calidade da produción, ningún estudio o apoia e decide financiala el mesmo.

19 de decembro
Steven Shainberg dirixiu no 2006 Retrato dunha obsesión, película na que trata a historia de Diane Arbus, unha muller de familia adiñeirada que se namora de Lionel Sweeney, un enigmático mentor que a introducirá no mundo marxinal da sociedade. Diane converterase deste xeito nunha das fotógrafas máis prestixiosas e orixinais do século XX.

12 de decembro
Finalmente pecha o ciclo Yves Saint Laurent (2014), de Jalil Lespert, un filme francés ambientado en París en 1957, ano no que comeza a lenda de Yves Saint Laurent cando, aos seus 21 anos, recibe o encargo de supervisar a gran casa da moda fundada polo falecido Christian Dior. O día 27 de novembro proxectarase en Ferrol, o 28 de novembro en Lugo, o 12 de decembro en Ourense e o 2 de xaneiro en Santiago de Compostela.