Entrevista Carlos Montero, director do Festival de Curtas de Verín.

Carlos Montero: “Este ano quixemos dar o paso de internacionalizar o festival”

Falamos co director do Festival de Curtas de Verín para coñecer polo miúdo a organización desta exitosa iniciativa cultural.

Do 1 ao 10 de decembro chega a segunda edición do Festival de Curtas de Verín, con máis de 800 traballos procedentes de ata 15 países distintos, entre os que se inclúen Brasil, Arxentina, Colombia, Francia ou Corea del Sur. Falamos con Carlos Montero, o seu director, para coñecer todos as novidades deste ano.

Logo do éxito da primeira edición, que foi unha especie de proba, como vos plantexastes esta segunda?
Carlos Montero: “Este ano quixemos dar o paso realmente de internacionalizar o festival, polo que temos moitas máis curtas internacionais de festivais como Locarno ou Cannes. Hai un salto cualitativo bastante grande.
Ademais, temos estreas internacionais e nacionais, e contamos cun abano de actividades paralelas como un taller de tres días para facer cine na casa, de Maider Fernández, directora vasca moi recoñecida.
Tamén está a “Nouvelle Vague”, cun cine máis clásico pero que trata dun movemento moi importante do que todo o mundo coñece algunha película ou lle soan algunhas cousas. Neste visionado ao rematar haberá debates.
Mantemos as actividades para nenos con talleres para maquillarse e atrezzo.
Continuamos co a idiosincracia do festival, que é emigración, fronteira e entroido, que forman parte da vida e historia de Verín.
E aumentamos unha categoría máis, para dar cabida a moitas curtas que quedaban fóra, e que era unha pena pola súa calidade”.

Cantas curtas recibistes este ano?
C.M.: “O ano pasado antes de empezar contabanos recibir sobre 100 e recibimos 600. Este ano chegaron a 800 con moi pouco tempo de antelación, polo que cremos que poderiamos ter chegado ás 1.000.
Seleccionar as curtas era moito traballo e este ano axudounos a figura do programador, que é Gonzalo Veloso, pois a ano pasado eramos só 3 e era unha tolemia.
El o que fai é ir por festivais de todo o mundo e vai seleccionando o que cree que pode valer pola súa experiencia, sabendo a nosa temática principal. Temos un dobre traballo de seleccion, os que recibimos e os que rastrexamos”.

Cal é a nova sección que incorporastes?
C.M.: “O ano pasado vimos que ao ter esas tres seccións tan pechadas quedaban moitas cousas fóra, e o que metiamos era con calzador. Pensamos, entón, en manter as seccións de emigración e fronteira baixo un mesmo nome: “Horizontes”, que ten un fío conductor en todas as películas que se poden ver cunha temática de vida en zonas de conflicto; e mantemos a sección do entroido, pero reformulada nunha máis vangardista, dende o punto de vista do entroido como metáfora da máscara, e chamámola “Unha nova mirada”, como esa mirada a través do espello.
A sección que incorporamos chámase “Nova”, e recolle o que é o cine contemporáneo de calquera temática fuxindo do comercial.
Outra sección é a “Galego/portuguesa”, onde entran curtas desta temática, co fin de ter unha sección do noso cine, o que se fai aquí. Hai unhas 10 películas galegas e 10 portuguesas.”

Onde se desenrolará o festival?
C.M.: “O auditorio será onde se celebrarán a maioría de actos. Haberá un par de actividades no salón de actos da Casa da Cultura e algunhas proxeccións. Ademáis, na sala pequena de auditorio haberá, a maiores, unha máster de documentais en realidade virtual, para as que se precisab as gafas de Google glass. Non sei se chegarán a tempo, pero intentaremolo.”

Cal é o orzamento desta edición?
C.M.: “Calculo que o orzamento chegará aos 49.000 euros. 40.000 aportaos o Concello de Verin e o resto con patrocinios. O ano pasado foran 40.000 euros, pero tirando de favores, que agora non me pareceu ético nesta segunda edición.”

Que persoal necesita o festival?.
C.M.: “Aproximadamente 20 persoas. O ano pasado foron todos voluntarios, sen os cales non sería posible levalo a cabo. Este ano intentaremos que teñan algún tipo de contrato ou remuneración económica os que máis colaboren e algúns voluntarios”.

Que recomendarías que os amantes do cinema non se perderan este ano?
C.M.: “Aos máis cinéfilos recomendarialles que non se perderán a actividade da “Nouvelle Vague”, que son cinco días e é moi potente. Vai vir Nicolás Azalbert, crítico da revista de cine francesa “Cahiers du Cinema”, que fará as delicias dos máis académicos e puristas do cine.
Tamén me parece moi interesante o taller para achegar o cine ás persoas, que creo que achegara ao pobo o festival, creando unha cultura de cine. O ano pasado estas actividades eran como unha introdución, non queriamos pasarnos de puristas, e este ano son para todos os públicos, demos ese pequeno salto”.

Cal é a aposta máis arriscada que facedes?
C.M.: “A reconversión da sección de entroido nunha sección de cine máis vangardista si que poder haber xente que diga, “uff, que me pos aquí!”. Hai de todo, pero si que haberá películas coas que arriscamos un pouco, que igual non son para todos os públicos”.

Por último, xa estades a traballar na terceira edición?
C.M.: “Si. Hai moitas cousas que quixen facer este ano pero non puiden. Por exemplo, facer o festival no verán porque quería levar o festival á rúa, e porque hai máis xente. Facer concertos máis días.
Era a idea orixinal pero non se puido por tema de datas e orzamentos. E iso que nos sorprendeu a aceptación e a acollida por parte do público nestas datas.”