Diferentes ciclos e retrospectivas de cinema, obradoiros para nenos e maiores, ponencias e debates centran a programación paralela do FIC Vía XIV.

Actividades paralelas no Festival Internacional de Curtas de Verín

Ponencias, debates, obradoiros prácticos para nenos e maiores, ciclos de cinema e varias retrospectivas temáticas son os eixos centrais da programación paralela que porán en marcha os responsables do FIC Vía XIV, entre o 1 e o 10 de decembro en Verín. “O obxectivo destas actividades paralelas é achegar a cultura do cinema aos habitantes de Verín e aos visitantes que participen nas diversas iniciativas que se articularán ao abeiro do Festival”, destaca Carlos Montero, responsable do certame.

Ao igual que o ano pasado, os eixos vertebradores do Festival van ser as temáticas “Entroido”, “Fronteira” e “Emigración”, tres conceptos moi instalados no imaxinario colectivo verinés. E, sobre estes conceptos, artículanse iniciativas como o Foco Juan Soto, que permitirá revisar a obra deste director colombiano. Unha obra que se sustenta no desprazamento, pois toda ela foi creada fóra do seu país de nacemento en viaxes e residencias no estranxeiro, visitas a familiares, percorridos por festivais e regresos ocasionais a Colombia. O propio Juan Soto, residente actualmente no Reino Unido, desprazarse a Verín para participar nesta iniciativa.

Estrano por fóra, salvaxe por dentro e Terra de Leite e Mel
Xunto a isto, o entroido vai centrar outra das actividades paralelas do FIC Vía XIV: o visionado do documental Estrano por fóra, salvaxe por dentro, de Pedro G. Losada e Miguel Losada. “Este traballo –destacan os seus autores- tenta transmitir unha mirada desmesurada dos participantes no entroido que, como oficiantes dun vello rito presidido por verdadeiros demiúrgos, aspiran a ser os motores do mundo”.

Paralelamente, na xornada do 4 de decembro, o equipo de rodaxe do documental Terra de leite e mel impartirá unha clase maxistral na que se abordará a problemática de como se pode construír unha obra cinematográfica, cun estilo e unha estética propias, tratando unha realidade tan sumamente conflitiva e delicada como é a dos desprazamentos humanos provocados por conflitos bélicos. Gonzalo Recio, Carlos Mora e Héctor Domínguez, autores do documental, participarán nesta iniciativa e o debate posterior ao visionado do documental será moderado polo xornalista verinés Rafa Cid.

20 anos do Mestrado de Documental Creativo da UAB
O FIC Vía XIV renderá homenaxe tamén ao Mestrado de Documental Creativo da Universidade Autónoma de Barcelona, xustamente cando se cumpren 20 anos da súa creación. Ao longo destas dúas décadas, no marco do Mestrado xeráronse máis de 100 producións, entre curtas, webdocs, documentais e longrametraxes. En Verín poderanse visionar algúns dos traballos máis representativos xurdidos ao abeiro deste Mestrado e o seu coodinador, Jorge Tur, estará na vila do Támega para participar nesta actividade retrospectiva.

Adicionalmente, o FIC Vía XIV acollerá, na xornada do 6 de decembro, unha mesa redonda baixo o título “Cine, Festivais e Universidade”, que pretende por en valor os principais certames e encontros cinematográficos que se realizan no ámbito académico.

Curtas Vila do Conde
O foro cinematográfico de Verín, ademais, conmemorará o 25 aniversario de Curtas Vila do Conde, relevante festival de cinema portugués. E faráo cun programa retrospectivo do mellor cinema luso de vangarda, presentado polos directores do certame de Vila do Conde.

Xunto a isto, o FIC de Verín acollerá a presentación de Visións, un proxecto impulsado e coordinado por Xisela Franco e Beli Martínez para visibilizar ás cineastas da provincia de Pontevedra. Este proxecto foi exhibido xa en diversos festivais internacionais.

Ademais, tras mostrarse en decenas de festivais internacionais e gañar premios por todo o mundo, Os días afogados, unha historia de fronteira e de loita cívica que ten lugar nas aldeas de Aceredo e Buscalque na “raia seca”, estrearase en Verín.

Actividades para os cativos
Finalmente, os días 4 e 5 de decembro, durante a mañá, o festival promoverá, xunto aos centros educativos de Verín, proxeccións e obradoiros para os cativos. As xornadas de proxección estarán dirixidas por unha contacontos, que se encargará de presentar as diferentes sesións de cinema, axeitadas especialmente para os menores.
Todas estas actividades súmanse ás xa anunciadas polo FIC Vía XIV de Verín a semana pasada: o obradoiro práctico para achegar o cinema ás persoas, a cargo de Maider Fernández, e a retrospectiva da Nouvelle Vague.