O concello forma parte do Plan de vixilancia e control.

Coles conta cunha pértega e dous traxes para a loita contra a vespa velutina

A delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, entregou ao concello de Coles dous equipos de protección individual e unha pértega para a loita contra a vespa velutina, logo de adherirse como concello colaborador ao Plan de vixilancia e control que puxo en marcha a Consellería do Medio Rural.

Coa incorporación de Coles, o plan pasa a contar con 111 municipios que colaboran coa Administración autonómica na retirada dos niños deste insecto invasor, que non é máis perigoso que a vespa autóctona. Por iso, o departamento autonómico que dirixe Ángeles Vázquez pide que non se cree unha alarma social innecesaria e lembra que, no caso de localizar un niño, non se deben achegar a el senón que hai que chamar ao teléfono gratuíto 012 para que os especialistas poidan actuar.

A provincia ourensá conta con 20 concellos adheridos ao Plan de vixilancia e control da vespa velutina: Allariz, Baños de Molgas, Barbadás, O Barco de Valdeorras, Castrelo de Miño, Coles, Cortegada, A Gudiña, O Irixo, Laza, Lobios, Muíños, Parada do Sil, Rairiz de Veiga, Ribadavia, Riós, Toén, Vilamartín de Valdeorras, Vilariño de Conso e Xinzo de Limia. A esta relación súmase a Mancomunidade Terras de Celanova.

Durante o pasado ano 2017, a Consellería do Medio Rural entregou un total de 32 equipos de protección individual, que se suman aos 436 facilitados en 2016; un total de 49 pértegas, que complementan ás 73 facilitadas o ano anterior; e 5.700 trampas e doses de líquido atraente, repartidas entre os apicultores dos concellos afectados, co obxecto de capturas as raíñas que saen da hibernación e impedir a formación de novos niños, que se suman ás 5.100 distribuídas entre eles nos anos 2015 e 2016. No que levamos de ano 2018, Medio Rural distribuíu 4 traxes de protección individual e 2 pértegas, material destinado a dous novos concellos colaboradores.

Este reparto de material forma parte do Plan de vixilancia e control da vespa velutina que elaborou a Consellería do Medio Rural e no que tamén participan a Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, a de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza (a través dos grupos de emerxencia supramunicipais GES), asociacións de apicultores e un total de 111 concellos (incluído o de Coles).

Ata agora o concello de Coles dependía do GES do Pereiro de Aguiar para a retirada de niños e así ao longo do pasado ano retiráronse ou inactiváronse 15 niños no municipio.

A nivel Galicia, durante o ano 2017 retiráronse ou inactiváronse 23.676 niños. Deste total, 14.493 foron na provincia da Coruña, 6.121 na de Pontevedra, seguida da de Lugo con 2.433 e finalmente Ourense con 629 niños.