O Concello presenta o programa de actividades para reivindicar o 8 de marzo, día internacional das mulleres.

O Concello de Ourense programa actividades polo Día da Muller

O Concello de Ourense quere reivindicar o 8 de marzo, día internacional das mulleres mediante unha serie de actividades. No programa colaboran diferentes concellerías municipais, a AGADIC, a Biblioteca Pública e diferentes asociacións culturais, e desenvolverase até o vindeiro 12 de abril. “Este programa de actividades quere poñer en valor o seu papel na sociedade para acadar unha igualdade representativa e salientar, por méritos propios, a todas esas mulleres aínda invisibles”, declaraba o alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, na rolda de prensa celebrada no salón de plenos.

Actividades culturais, obradoiros, entrega do XII Premio á Igualdade de Oportunidades Clara Campoamor a Chus Pato, concerto de Xestreu + Kicking Roses, partidos amigables, un wiki-maratón para introducir nomes de mulleres na Galipedia, recitais poéticos, mesas redondas… e cine, froito do convenio entre a AGADIC e o Cineclube Padre Feijóo, que iniciará a nova tempada con títulos especificamente elixidos para esta programación.

Así, a proxección de ‘A orde divina’, de Petra Biondina Volpe (no salón de actos da Biblioteca ás 20:30 e 23:00 horas), e a conferencia ‘O éxito en clave de muller’, a cargo de Carla Reyes Uschinsky (en La Molinera, desde as 19:30 horas) serán as dúas actividades que abran o programa do 8 de marzo, co lema ‘Contigo somos máis’.
Sofía Godoy, concelleira de Igualdade, convidou a todos os presentes a participar de forma masiva nas actividades desta programación, e salientou o concerto que ofrecerán no Liceo de Ourense o día 10 de marzo Kicking Roses (dúo que deu os seus primeiros pasos no Espazo Lusquiños) e as pandeireteiras de Xestreu, cuxa representante na rolda de prensa anunciou que queren “ser a voz das que non poden berrar’”.

Servizos municipais e ferramentas a prol da igualdade
O Concello de Ourense traballa, fundamentalmente a través do CIMM, pero tamén do Consello Municipal de Igualdade, da Comisión contra a Violencia de Xénero en aplicar medidas igualitarias e equitativas. Ademais, “temos ferramentas coma o 3º Plan de promoción para a Equidade de Xénero ou o Protocolo de Prevención da Violencia de Xénero”, dixo o alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, “libros brancos que nos atinxen a todos e a todas e cuxo desenvolvemento non está noutras mans que nas nosas: é unha responsabilidade compartida por todos e todas”.