Ourense acolle este sábado un 'wikimaratón' para introducir na Galipedia biografías de mulleres galegas.

wikimaratón en Ourense

Está enmarcado dentro dos actos do Día da Muller, e desenvolverase na Biblioteca Pública (Concello 11) no 15 aniversario da Galipedia.

A Biblioteca Pública de Ourense acolle o sábado 10 de marzo, o ‘Wikimaratón’ para introducir na Galipedia, co gallo do seu 15 aniversario, biografías de mulleres galegas. A actividade, enmarcada no programa do Día da Muller, está aberta a toda a cidadanía e pretende pór en valor a figura de mulleres destacadas en diferentes ámbitos que non teñen a merecida referencia na enciclopedia galega en liña.

“A historia é a que se escribe, e hai moitas mulleres en perigo de caer no esquecemento sen ninguén que escriba sobre elas”, manifestou o alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, durante a presentación da actividade. “Parécenos un acto de xustiza social e un paso moi importante para o futuro deste país”, dixo. A día de hoxe, só hai referencias de 52 mulleres galegas na Galipedia, e delas só 5 son de Ourense. A Biblioteca Pública porá ao servizo de todas as persoas que queiran anotarse ao wikimaratón ordenadores e fondos bibliográficos.

Así, desde as 10.30 horas, todas as persoas que se queiran apuntar á edición da Galipedia poderán presentarse na propia Biblioteca (rúa Concello 11) ou facelo a través das súas casas, para encher a biografía das mulleres propostas (hai nomes como Obdulia Díaz, as irmás Touza, Olimpia Valencia ou Carmen Gurriarán) ou realizar as súas propias achegas.

Para participar no Wikimaratón, só hai que anotarse na Galipedia para poder editar e seguir as indicacións descritas no espazo web.