Apoiará á marca nos plans deportivos deste ano.

A Deputación únese a Suzuki co “Ourense provincia termal”

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, participou no Balneario de Laias, na presentación do equipo de rallys Suzuki dado que será o novo soporte da marca “Ourense, a provincial termal”, a marca de promoción turística da Deputación de Ourense a través do Instituto Ourensán de Desenvolvemento Económico (INORDE). Os pilotos de rallys do equipo oficial Suzuki son o ourensán Javier Pardo, quen xunto ao seu compañeiro Joan Vinyes disputará 11 probas do Campionato de España de Ralis de Asfalto e 7 probas do Campionato de España de Ralis de Terra.

O presidente do goberno provincial explicou que a Deputación de Ourense coa súa marca “Ourense a provincial termal”, “súmase aos plans deportivos de Suzuki 2018” e felicitou a Suzuki “pola súa traxectoria e polos éxitos do pasado ano 2017 que esperamos multiplicalos durante as vindeiras tempadas”.

Tendo en conta o impacto económico que supón o turismo deportivo en toda España e a idoneidade das condicións da provincia de Ourense no ámbito orográfico, xeográfico e natural, “creamos un ecosistema de turismo deportivo no que a promoción do destino, a innovación e o posicionamento de marca son os obxectivos prioritarios durante os vindeiros anos”, explicou Manuel Baltar, quen salientou o papel da provincia de Ourense como “un dos mellores destinos de España no campo do turismo deportivo, pola súa orografía, natureza, servizos e pola súa oferta como provincia termal”.

Nesa liña de posicionar a “Marca Ourense” a nivel nacional e internacional a través de diferentes eventos para xerar impactos e consolidar a marca, “ligamos a “Marca Ourense” a eventos deportivos como “La Vuelta” ou en campionatos de España de Rallys de asfalto e terra”, lembrou o presidente da Deputación de Ourense.

Manuel Baltar dixo que con esta nova alianza con Suzuki “apoiaremos tamén a carreira do piloto ourensán Javier Pardo, gañador no 2017 das copas de España Junior, 2RM e R2”, e destacou que “a plataforma que nos ofrece Suzuki, e compartir espazos con Repsol, Santander Consumer, impulsará o noso proxecto de termalismo deportivo”, engadiu o presidente da Deputación de Ourense.

Con esta nova aposta co mundo deportivo, coa alianza co equipo Suzuki Motor Ibérica, “compartiremos espazo con Repsol e estaremos presentes en toda a estrutura de Suzuki, a única marca cen por cen oficial nos campionatos de España”, salientou Baltar.

Deste modo, “Ourense provincia termal” estará presente en: tódolos coches do equipo oficial Suzuki e tamén en 15 coches da copa Suzuki, contará cun stand promocional de “Ourense provincia termal” en cada rally dentro da estrutura, en todo a montaxe de carpas de asistencia, na estrutura de asistencia de tres camións tráiler que recorren a xeografía nacional, en tódalas presentacións oficiais antes de cada rally de asfalto, en tódolos soportes e notas de comunicación e prensa propios de Suzuki con Repsol, nas redes sociais de esas marcas, na súa propia televisión a través de internet durante toda a tempada, nos medios de comunicación que seguen os campionatos, e nos eventos que se demande a súa presenza e non coincidan con algunha proba.

O calendario de 2018 percorrerá as provincias de Pontevedra, Córdoba, dúas illas Canarias, Ourense, Ferrol, dúas localidades de Asturias, Santander, Valencia e Madrid, en rallys de asfalto; e Murcia, Córdoba, Lanzarote, A Coruña, Cataluña, Navarra, Granada e León, en rallys de terra.

No acto oficial de presentación do equipo de rallys Suzuki tamén estiveron o presidente de Suzuki, Juan López Frade; os pilotos do equipo de Rallys, Javier Pardo e Adrián Pérez, e Joan Vinyes e Jordi Mercader.

Plans deportivos de Suzuki
No 2018 o equipo Suzuki contará con dous Swift R+ que serán pilotados por Javier Pardo/Adrián Pérez e Joan Vinyes/Jordi Mercader, apostando pola mestura entre experiencia e xuventude coa que buscará reeditar o título de marcas. Pola súa parte, Gorka Antxustegi e Santi Cañizares seguirán vencellados ao equipo.

A copa Suzuki Swift disputará no 2018 a súa undécima edición que este ano como novidade, os participantes menores de 25 anos, loitarán intensamente polo premio final que será participar na Beca R2 Junior 2019.

O presidente de Suzuki dixo que contar con novos patrocinadores como “Ourense provincia termal”, “achegaranos unha nova perspectiva e á vez creo que temos un equipo de pilotos moi equilibrado: de Vinyes pouco se pode dicir a estas altura é rápido e efectivo, mentres que Pardo demostrou este ano un ritmo moi alto e o empuxe que dá a xuventude”.