Xunta e concello colaborarán con preto de 120.000 euros.

Melloras de dúas rúas en Leiro

A Xunta e o Concello de Leiro colaborarán na mellora das rúas Casanova e Leiro Pequeno mediante un investimento conxunto de 118.671 euros. A conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, e o alcalde deste municipio ourensán, Francisco José Fernández, asinaron un convenio para o desenvolvemento destas actuacións.

Este acordo permitirá acometer as obras de acondicionamento do tramo inicial da rúa Casanova, que conecta coa praza da Pontiña e coa rúa Estévez Carrera, e o arranxo da rúa Leiro Pequeno, mellorando o acceso ao centro escolar e ao Centro Cívico.

Estas actuacións teñen como finalidade o mellor acondicionamento das vías para uso de tráfico rodado e peonil, dado que nestes momentos contan cun pavimento bastante deteriorado, con multitude de parches e fochas.

As actuacións que se van realizar permitirán dotar ás rúas de novo pavimento, revisar as redes de saneamento fecais e pluviais, preinstalar arquetas de rexistro e tubaxes para redes de telefonía ou similares e substituír as actuais luminarias por outras de menor consumo.

A Consellería de Infraestruturas e Vivenda achegará o 80% do custo da actuación (case 95.000 euros) e o 20 por cento restante o Concello de Leiro, con preto de 24.000 euros.