A Praza Maior acollerá tamén o 1 de maio a terceira edición da Feira Solidaria que contará coa participación de 12 entidades sen ánimo de lucro, que ofrecerán todo tipo de produtos e servizos con fins solidarios.

Sete colectivos participarán na exhibición dos Maios tradicionais en Verín

O martes 1 de maio, como vén sendo habitual desde os anos oitenta, a praza da Alameda de Verín acollerá a tradicional Festa dos Maios. Este ano, a Praza García Barbón acollerá tamen a terceira edición da Feira Solidaria de Verín que contará coa participación de 12 entidades sen ánimo de lucro, que ofrecerán todo tipo de produtos e/ou servizos con fins solidarios.

Festa dos Maios
Desde as 11 horas, e até o mediodía, está prevista a exhibición dos maios tradicionais e artísticos confeccionados polo Colexio Privado Plurilingüe María Inmaculada, o Colexio Apostólico Mercedario, o CEIP Princesa de España, o CEIP Amaro Refojo e o CRA Monterrei; e pola Asociación de Mulleres Rurais Flor da Xesta e, como xa vén sendo habitual neste Certame en lembranza da persoa que recuperou a tradición dos Maios en Verín, da Asociación Verinense de Amigos da Música.

Aos centros de ensino que teñen alumnado de educación infantil e primaria ofrecéuselle este ano a posibilidade de que presenten, ademais de un maio tradicional ou artístico, outro maio feito especificamente por alumnado de educación infantil. O maio do alumnado de educación infantil, inspirándose a convocatoria nun presentado anos atrás feito por alumnado deses cursos do Colexio María Inmaculada, pode estar cuberto no exterior cuberto con materiais de refugallo, que se reciclarían así nesta nova función. Está previsto que o presenten algúns dos catro centros que se poderían acoller a esta excepcionalidade e que participaron na reunión previa á divulgación das Bases do Certame na que se tratou sobre a posibilidade de abrilo a esa liña participativa.

Ás 12 horas, a Banda do Conservatorio de Verín (C.E.M.V.) interpretará en concerto temas populares de música galega e temas que foron éxitos discográficos da música pop. Á mesma hora, está previsto o comezo das tiradas para adultos do Trofeo de Chave Ricardo Soto, de inscrición libre até o comezo da proba.

Ás 12:30 horas sairá da praza do Concello a Banda de Gaitas do Concello de Verín. A ruada rematará na Alameda cun concerto ás 13 horas.

Durante a programación dos festexos e até primeira hora da tarde haberá na Alameda un posto de polbo. O pan é o viño serán gratuítos, ao estaren subvencionados, como é habitual desde os anos oitenta, polo Concello de Verín.

Desde as 11 horas da mañá estarán á venda as coplas do Certame Enrique Gómez Pato, editadas polo Concello de Verín. O exemplar venderase a 1 euro. O diñeiro recadado coa venda de 500 exemplares destinaranse ao financiamento de programas de asistencia social da Cruz Vermella na nosa comarca.

A Festa dos Maios recuperouna en Verín Enrique Gomez Pato a comezos da década dos cincuenta. “O Pato”, coa colaboración dos seus fillos, e, anos máis tarde, a Asociación Cultural Os Choupos e o Movimiento Junior foron os continuadores desta exaltación da primavera en esculturas efémeras e de crítica social dos acontecementos locais ou externos en verso rimado. No segundo goberno municipal democrático, no primeiro quinquenio dos oitenta, a festa viuse reforzada, con subvencións a Maios e coplas feitos por asociacións, colexios e institutos; aliciente gastronómico e actividades paralelas.

III Feira Solidaria
A Praza Maior acollerá tamén o vindeiro martes 1 de maio a terceira edición da Feira Solidaria, organizada polo Concello de Verín. Esta iniciativa, que pretende poñer en valor o labor das asociacións sen ánimo de lucro participantes, contará cun total de 12 entidades, que ofrecerán todo tipo de produtos e/ou servizos con fins solidarios.

Entre os obxectivos da Feira Solidaria atópanse, recadar fondos para os colectivos máis desfavorecidos da comarca de Monterrei, proporcionar información sobre as distintas asociacións que participan no evento e dos servizos que ofrecen, conseguir apoio económico para poder seguir levando a cabo os seus proxectos e actividades e a creación dun marco de cooperación común entre os seus organizadores e colaboradores.

Ás 10 horas, sairá da Praza García Barbón a Andaina Solidaria que, cun prezo de inscrición de 2 euros solidarios e unha dificultade baixa (14 km.), discorrerá por Verín, os Balnearios de Sousas e Cabreiroá, Fonte do Sapo, Balneario de Caldeliñas e tintores; regresando a Verín pola beira do Támega. Os interesados en inscribirse poderán adquirir a súa entra na Ferretería Lucas, ou ben, desde 30 minutos antes da saída, na propia Praza García Barbón. Esta actividade esta organizada polo Concello de Verín, en colaboración ca Asociación de Senderistas de Monterrei, e o que se recade será doado á Asociación ADISVER

O horario de apertura dos Stands da Feira Solidaria será de 10 a 20 horas . Nesta edición participarán as seguintes asociacións: Cruz Vermella, Aires Nosos, Sendeiristas de Monterrei, Proanimales Verín, Aever, Adiver, Asociación Cigarrón, Caixa de Pandora, Asociación veciños de Albarellos, Candaira, Flor da Xesta e Femuro.

Entre as 11 a 20 horas, o Concello de Verín instalará na praza Maior , en colaboración con Aever e Saudeter, varios multixogos inchables. A entrada solidaria para esta actividade será de 1 euro. Os fondos recadados serán destinados a Fundación de Discapacitados Psíquicos de Verín. No mesmo horario, as asociacións que participan na feira ofrecerán charlas divulgativas nas que explicarán aos asistentes os diferentes labores solidarios que realizan.

Ás 17 horas, sairá da praza Maior un Paseo familiar en bicicleta no que os participantes percorrerán parte da ruta da Ecovía do Támega. O prezo da inscrición, que poderá realizarse desde media hora antes na mesma saída, será de 2 euros e os fondos recadados serán destinados a Femuro. Na organización de devandito paseo colabora co Concello a agrupación BTT Verín.

Durante a tarde, entre as 16 e as 20 horas, a praza maior acollerá unha divertida xornada de actividades lúdicas (xogos populares, bailes tradicionais, contacontos, etc.).