A Asociación Carrileiros entrega sendos fragmentos da vía orixinal do Tranvía de Verín ás entidades organizadoras dos actos conmemoriativos deste transporte.

Fragmentos da vía orixinal do Tranvía de Verín nos actos do seu 110 aniversario

Abriu as súas portas a mostra “110 Anos do Tranvía de Verín: Exposición conmemorativa” na Sala de Exposicións de Verín. Durante o acto, Paco Boluda e Manuel Hernández, membros da Asociación Carrileiros (entidade responsable da investigación que fixo posible a exposición), fixeron entrega de sendos fragmentos da vía orixinal do tranvía ás entidades organizadoras do evento ( Concello de Verín, Biblioteca Municipal, Sociedade Antropolóxica Galega e Augas de Cabreiroá), a modo de elemento conmemorativo da celebración do 110 aniversario do Tranvía Verín – Cabreiroá.

Nesta exposición, os autores da investigación Francisco Boluda e Manuel Hernández (membros da Asociación Carrileiros) fan un percorrido pola historia do singular tranvía de tracción animal que unía Verín co Balneario de Cabreiroá nas primeiras décadas do século XX. A mesma, está composta por distintos paneis deseñados por Paco Boluda. Devandita mostra estará aberta ao público ata o 18 de maio.

Conferencia: Un tranvía que fixo historia»
Así mesmo, dentro dos actos conmemorativos, terá lugar a conferencia que leva por título «Un tranvía que fixo historia», que será impartida o 27 de abril, ás 19:30 horas, por Paco Boluda, no Auditorio Municipal de Verín.

Os asistentes o evento terán ocasión de transportarse (por medio da proxección de fotografías, planos orixinais e súa exposición oral) a unha viaxe á memoria de Verín nos anos de apoxeo da actividade balnearia na nosa comarca. Os autores ofrecerán a oportunidade de coñecer a fondo a historia e características da liña, a súa infraestrutura, as dependencias para o mantemento do tranvía e do tiro, ou os distintos tipos de vehículos utilizados para o transporte de viaxeiros e mercadorías.