Celébrase este domingo 13, a “VIII Ruta dos castros”.

16 quilómetros de andaina pola natureza arqueolóxica de Cualedro

Cualedro celebra este domingo, 13 de maio, coa “VIII Ruta dos Castros” unha xornada de exaltación da riqueza histórica dun dos municipios con maior número de vestixios e emprazamentos arqueolóxicos da provincia.

Esta andaina, que conta co apoio da Deputación de Ourense, ten un percorrido de 16 quilómetros “e permitirá aos participantes contemplar nesta xornada lúdico-deportiva a gran riqueza patrimonial coa que conta Cualedro, o que unido á práctica deportiva e ao contacto coa natureza, fan desta xornada un día perfecto para gozar do turismo, da gastronomía e da natureza deste municipio”, dixo o vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández, na presentación desta actividade no Pazo Provincial, acompañado polo alcalde de Cualedro, Luciano Rivero; pola presidenta da Asociación de sendeirismo “Ruta das Augas”, Amaya Álvarez, e polo colaborador da andaina Eduardo Castro.

“Con esta actividade seguimos poñendo en valor os recursos paisaxísticos e arqueolóxicos do noso concello”, explicou o alcalde, salientado que a andaina contará con máis de 100 inscritos, que percorrerán os castros Cidá de San Millao e Saceda, a Fonte da Ola, o Cruceiro de Lucenza, Santa Marta, a Mámoa do Madorriño e a Fonte da Ola. A andaina sairá ás 9 horas de Lucenza en rematará en San Millán-Escola, sendo un percorrido de dificultade baixa. Luciano Rivero destacou que a novidade deste ano está no percorrido por Lucenza, “onde os visitantes poderán admirar a fauna local, entre a que destaca a vaca cachena e o cabalo autóctono”.

O alcalde anunciou que dentro das iniciativas de recuperación da riqueza histórica do municipio –que conta con sete castros, numerosos petróglifos, lagares e máis de 40 xacementos arqueolóxicos- o vindeiro ano realizaranse intervencións e traballos de investigación no Castro de San Millán para recuperar as murallas deste emprazamento castrexo.