Os mediofondistas foron os mellores nunha edición de moito nivel.

O Ourense Termal Athletics Meeting tivo aos atletas da proba de 1.500 metros como os auténticos protagonistas desta edición, na que tivo unhas bancadas ateigadas de público para ver o gran nivel da xornada. Atletas de todos os puntos da penísula Ibérica (incluída Portugal) que voaron no tartán do Campus universitario.

Os gañadores deste meeting foron os mediofondistas Jesús Gómez Santiago e Mariana Machado, con 1.086 e 1.037 puntos táboa IAFF (puntuación que determina a Federación Internacional de Atletismo), respectivamente. Gómez Santiago parou o crono en 3:41.56 e Machado en 4:21.77.

A segunda posición do torneo foi para Mariano Garcia Garcia (3:44.58 minutos e 1.046 puntos nos 1.500) e para Nediam Nori Vargas (a atleta de velocidade fixo nos 200 metros 24.02 segundos o que lle valeu para lograr 1.034 puntos).
E a terceira posición -masculina e feminina- volveu a ser para atletas do 1.500. Bilal Ennassri fixo 3:44.77 minutos para lograr 1.043 puntos e Lidia Campo Sastre logrou 4:23.04 minutos para acadar 1.027 puntos.

Nivel
Foi tal o nivel este ano que candidatos a lograr o triunfo final do Ourense Termal quedáronse fóra do podio. Un deles foi o ourensán Álex Fernández; os seus 14:24.21 minutos no 5.000 non foron suficientes para superar os 1.000 puntos. Quen si superou esa puntuación, pero quedaron sen premio foron o saltador Ivo de Moura (cun salto de 7.42); Elian Numa Lopez, en 800 metros; Daniel Cerdan García, en 200 metros, ou mesmo seis atletas dos 1.500 metros en categoría feminina.