Máis de 650 persoas participaron na primeira edición.

Éxito nas Xornadas de Novela Histórica de Verín

Máis de 650 persoas participaron nas actividades programadas a pasada fin de semana (25 e 26 de maio) na marco das Primeiras Xornadas de Novela Histórica de Verín, organizadas pola Biblioteca Municipal, en colaboración con SAGA (Sociedade Antropolóxica Galega).

A concelleira de Cultura, Emilia Somoza, mostrou a súa total satisfacción ante os excelentes resultados de asistencia obtidos en todas as actividades programadas no marco as xornadas e puntualizou que “unha vez máis, confírmase que a forte aposta deste grupo de goberno por crear unha programación cultural constante e enfocada a todos os públicos está a dar os seus froitos. Os máis de 650 asistentes ás xornadas de novela histórica demostran que esta iniciativa vaise converter, sen dúbida algunha, noutro dos nosos referentes na axenda cultural da vila.”

O principal obxectivo deste encontro foi realizar un achegamento aos aspectos moito menos coñecidos dos autores deste xénero e as temáticas históricas que os inspiran.

Nesta primeira edición, as xornadas contaron coa presenza de seis autores de primeira fila dentro deste xénero (José Calvo Poyato, José Luis e Alejandro Corral, Toti Martínez de Lezea, Antonio Piñero, e o gañador do último premio planeta, Javier Sierra) que compartiron cos asistentes a súa paixón, inquedanzas, segredos e coñecementos, convertendo a vila de Verín no epicentro cultural da novela histórica.