Unha semana de actividades lúdicas e educativas para todas as idades para celebrar o día do Medio Ambiente

Semana do Medio Ambiente

O Concello de Ourense presentou o programa de actividades da Semana do Medio Ambiente, “deseñado dunha forma transversal, implicando diferentes servizos e concellerías, para concienciar os nosos cidadáns, pero especialmente os máis pequenos, da importancia de conservar o Medio Ambiente”, aseguraba o concelleiro José Araújo. Trátase, en liñas xerais, de que a cidadanía se sinta responsable do coidado da súa contorna máis inmediata a través de actividades nos distintos puntos da cidade.

As actividades comezarán este mércores cunha charla na AVV As Termas sobre a compostaxe a cargo de persoal municipal e técnicos de SOGAMA. Actualmente, avanzaba o concelleiro Carlos Campos, de Participación Cidadá, hai 30 contedores de 350 litros de capacidade repartidos entre a asociación. Esta charla trasladarase tamén ao local da AVV As Laxas, que xa manexa un total de 25 cubos, o vindeiro 8 de xuño ás 18 horas.

A concellería de Educación tamén participa do programa, en colaboración con VIAQUA con actividades o propio martes 5 de xuño, día mundial do medio ambiente: “Un planeta #SinContaminación por plásticos” consistirá nun obradoiro de arte con plásticos reutilizados na EDAR de Ourense cun grupo de 25 alumnas e alumnos do Colexio Padre Feijóo de 10:00 a 12:00 horas. Ese mesmo día, pola tarde, a Aula da Natureza do Río Miño, en Oira, celebrará un obradoiro de observación de paxaros e de instalación de caixas niño con 25 alumnas e alumnos do Colexio Divina Pastora. “Quero lembrar tambén a actividade de danza e escultura CORPS SONORE, o venres, sábado e domingo a partir das 19:00 horas no Parque de Montealegre con asistencia libre e gratuíta”, dicía Belén Iglesias, titular de Educación, na rolda de prensa.

Programación
Sábado 2 de xuño
– 11 horas, Parque Barbaña, xincana de orientación en familia “Familias exploradoras”.
– 17 horas, obradoiro de Consumo responsable dirixido a adultos. (Con inscrición previa no enderezo de correo botanicodemontealegre.com.).

Domingo 3 de xuño
-11 horas no parque de Montealegre e con inscrición obrigatoria, ‘Coñecendo os ecosistemas’, para maiores de cinco anos.

Luns 4 de xuño
– 18 horas, no Parque Barbaña: Parchís Xigante Ambiental.
– 18 horas na Rúa do Paseo, Engalana a túa árbore.

Martes 5 de xuño, día mundial do Medio Ambiente
– 18 horas, no Parque de San Lázaro, Xogos populares ambientais.
– 18 horas, no Parque Beiramiño, obradoiro de sensibilización ambiental “Incendios Forestais: Ti contas”.

Mércores 6 de xuño
– 18 horas. Pegada Ecolóxica no parque Angelita Paradela Trátase de calcular quen gasta máis do que precisa para vivir, quen deixa mais pegada ou rastro mediante unha batería de preguntas e respostas.
– 18 horas. Aprender a xogar en Familia na Natureza, no Xardín do Posío.

Xoves 7 de xuño
– 18 horas. Eco-xincana Escola de Capitáns Planeta no parque do Ingabad, no barrio do Couto.

Venres 8 de xuño
– 18 horas, Xogos Populares ambientais no parque Diego González Blanco (O Vinteún).

Sábado 9 de xuño
– 17 horas. obradoiro para adultos: Alimentación Ecolóxica e saudable, con necesaria inscrición previa.

Domingo 10 de xuño
– 11 horas, no Parque de Montealegre, “Aprendendo sobre a enerxía”.
– 11 horas. Roteiro ambiental “Familias exploradoras no tempo”, con saída desde a Ponte Vella.
Toda a información, na web do Concello de Ourense: www.ourense.gal