O evento terá lugar do 18 ao 22 de xullo na Reserva da Biosfera Transfronteiriza Gerês-Xurés.

O “Xurés Walking Festival” traerá sendeirismo, música e gastronomía

O primeiro Festival de Sendeirismo do Xurés, o “Xurés Walking Festival”, ofrecerá do 18 ao 22 de xullo, na Reserva da Biosfera Transfronteiriza Gerês-Xurés, un completo programa de actividades que mestura sendeirismo, música e gastronomía. A presentación desta iniciativa tivo lugar no Pazo Provincial, acto no que participou o vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández; o concelleiro de Turismo de Muíños, Israel León Rodríguez; a alcaldesa de Lobios e os alcaldes de Bande e Lobeira, Mª Carmen Yáñez, Jose Antonio Armada e Antonio Iglesias; e as organizadoras, Marta Delgado e Ana Canal.

O vicepresidente da Deputación de Ourense explicou que este evento fusiona “natureza e historia para ofrecer unha gran alternativa de ocio: camiñar por vías romanas, visitar a Igrexa visigótica do s. VII, ou adentrarse na historia do megalitismo, dos castrexos ou das mouras da mitoloxía galega”. Pola súa parte, Mª Carmen Yáñez destacou, en nome dos concellos colaboradores (Muíños, Lobeira, Lobios, Entrimo, Calvos de Randín e Bande), “o apoio a este tipo de iniciativas privadas que completan a oferta cultural e deportiva que estamos a levar a cabo entre todos nós, porque traballamos de maneira coordinada na dinamización da Baixa Limia e do Xurés”. Asemade, a alcaldesa de Lobios dixo que este evento con “atractivo gastronómico e natural, redunda no beneficio, dinamización e difusión do noso territorio”, e salientou a inclusión no programa do evento de rutas deseñadas para familias que permiten que “pais e fillos gocen da natureza e fagan deporte xuntos”.

O Festival ofrece un total de 19 rutas de diferente duración (día completo ou medio día) e outras delas están dirixidas a familias e aos máis cativos adaptadas as súas idades e deseñadas para mesturar a formación medioambiental co goce da natureza. Así mesmo, tódolos días haberá un espazo infantil aberto para os máis cativos. Por último, as rutas complétanse coa celebración de veladas tódalas noites onde os participantes poderán degustar unha cea a base de produtos típicos da zona amenizada con música tradicional en concerto.

Marta Delgado explicou que o obxectivo deste evento é “mostrar e poñer en valor a nosa terra a través de rutas, da música e da gastronomía, dando un impulso á zona do Xurés”, e salientou que este proxecto “engloba a toda a comarca e permite mostrar tódolos nosos atractivos patrimoniais e naturais, o potencial turístico e histórico desta zona, nesta edición e nas vindeiras”. Os interesados en participar poderán inscribirse, tal e como dixo Ana Canal, a través do correo electrónico ecoturismoxures@gmail.com, ou a través dos números de teléfono: 617.164.082 ou 696.760.910.