O Festival encherá de concertos as rúas ourensás.

Regresa o Piano Meeting en setembro

A cidade de Ourense volverá converterse no maior auditorio de Galicia ao aire libre coa chegada do II Festival Piano Meeting. Como paso previo, convócase o concurso no que poden participar pianistas de ata 35 anos, para optar a formar parte dos músicos que compoñerán o cartel do certame. A Xunta de Galicia, a través da Secretaría Xeral de Cultura e da Axencia de Turismo de Galicia, colabora con esta iniciativa, “dentro da aposta do Goberno galego por apoiar proxectos que contribúen á dinamización cultural de vilas e cidades galegas”, segundo explicou o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, durante o acto de presentación, no que participaron tamén o director do festival, Javier Otero; o director xeral de Viaqua, Julio Masid, e mais o alcalde de Ourense, Jesús Vázquez.

O Piano Meeting 2018 celebrarase a finais do mes de setembro e contará coas actuacións dos 20 músicos seleccionados na fase de concurso. Os concertos terán lugar ao aire libre en espazos emblemáticos da cidade e o festival incluirá tamén obradoiros para neófitos e concertos de grandes pianistas convidados, ao tempo que se permite a participación de espontáneos que se animen a tocar.

“Trátase dun esforzo consciente para abrir espazos atípicos para a cultura na rúa, poñendo en valor o noso patrimonio cultural e dinamizando espazos a través da música”, afirmou Anxo Lorenzo, quen engadiu que se pretende “achegarlle á cidadanía unha programación musical de calidade nun formato innovador, próximo e de participación, e de situar Galicia no mapa cultural con este tipo de eventos que se están a celebrar nalgunhas das principais cidades do mundo”.

O concurso
Os interesados en participar terán que enviar un vídeo e o seu currículo antes do día 23 de xullo. O xurado, composto por Miguel Vizoso, profesor do Conservatorio Profesional de Música de Santiago de Compostela; Abe Rábade, pianista de jazz e profesor da Escola Superior de Música e Artes Escénicas do Porto; Nuria Díaz Mera, profesora do Conservatorio Profesional de Música da Coruña, e Javier Otero Neira, pianista e director artístico do festival, seleccionará aos 10 mellores, que terán a ocasión de tocar no festival.

O xurado seleccionará, ademais, outros 20 aspirantes, entre os que o público, a través das redes sociais, escollerá outros 10 participantes na segunda edición do Piano Meeting. As bases completas poden consultarse en www.pianomeeting.com.

A primeira edición do festival contou coa participación de máis de 250 pianistas entre profesionais, neófitos e espontáneos, e o concerto final congregou máis de 2.500 persoas.