O director xeral de Inclusión Social, Arturo Parrado Puente, reuniuse cos responsables da Asociación para a Prevención e Educación Social de Ourense (APES).

A Xunta concede 45.000 euros a APES Ourense

O director xeral de Inclusión Social, Arturo Parrado Puente, acompañado da delegada territorial da Xunta de Galicia en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, coñeceu de primeira man en Ourense as instalacións da Asociación Prevención e Educación Social (APES). O responsable autonómico aproveitou esta visita para manter unha entrevista cos responsables da entidade e facer un repaso tanto das actividades como dos novos proxectos nos que están a traballar, algúns dos cales contan con achega da administración autonómica.

Ao respecto, o director xeral puxo en valor as accións que desenvolve APES en prol da integración, en especial das persoas recluídas ou que estiveron privadas de liberdade e afrontan a súa reincorporación á sociedade. Nesta liña, garantiu que o Goberno galego seguirá apoiando este traballo, como se pon de manifesto na achega concedida con cargo á orde de axudas para as anualidades 2017-2018, que ascende a 45.000 euros. Unha cantidade que APES destina ao desenvolvemento de itinerarios de desenvolvemento social e laboral deste colectivo.

Por outra banda, Arturo Parrado asegurou que a Xunta de Galicia continuará levando adiante un traballo coordinado coas entidades sociais para mellorar a situación dos fogares e persoas que máis precisan de apoio. Neste sentido, destacou que o Executivo autonómico volve aumentar en 2018 os recursos económicos que destina para diminuír a exclusión e a desigualdade ao reservar para políticas activas de inclusión social 115,2 millóns de euros, o que supón un 8% máis que o ano pasado.