A celebración, que une gastronomía, cultura e deporte, terá lugar os días 3, 4 e 5 de agosto.

A “39ª Festa do Pemento de Arnoia” prevé a degustación de 3.000 quilos deste produto

Máis de 3.000 quilos de pementos degustaranse na primeira fin de semana de agosto –os días 3, 4 e 5- na 39ª Festa do Pemento de Arnoia, unha celebración na que colabora a Deputación de Ourense, que une gastronomía, cultura e deporte, e na que a organización prevé a asistencia dunhas 12.000 persoas. O Pazo Provincial acolleu a presentación desta festa, unha das máis importantes do calendario de celebracións gastronómicas galegas, declarada de interese turístico galego e que un ano máis pon en valor o pemento cultivado nas terras de Arnoia, o cal, pola súa calidade e singularidade conta co distintivo de Indicación Xeográfica Protexida (IXP), acreditado desde o ano 2010.

No presentación participaron o vicepresidente da Deputación, Rosendo Fernández; o alcalde de Arnoia, Rodrigo Aparicio, e a tenente de alcalde do concello, Purificación Domínguez, acompañados por membros da organización do evento. Rosendo Fernández destacou que esta festa comezou en 1980 “para promocionar o pemento de Arnoia e axudar á venda do excedente de produción que se xeraba, e hoxe é un referente da nosa tradición gastronómica”, engadindo que a celebración “foi evolucionando e innovando nas novas maneiras de preparar este produto e tamén no ámbito social, converténdose nun evento no que colaboran máis de 150 veciños”. Neste sentido, Rodrigo aparicio salientou “a colaboración institucional e da veciñanza, o que fai posible que teñamos unha das celebracións gastronómicas máis relevantes, que se distingue polo noso produto estrela, o pemento, e pola cooperación dos veciños”.

En paralelo ás actividades gastronómicas, o programa inclúe a 1ª Concentración de vehículos clásicos, e no apartado musical destaca o Certame de pandeireteiras, “que ten como obxectivo recuperar a tradición oral das nosas cantigas e, ao mesmo tempo, pór en valor a música contemporánea galega”, afirmou Purificación Domínguez. No apartado deportivo, comentou, celebrarase o 5 de agosto a carreira popular “8.000 varas Arnoia”, que terá un percorrido de 10 quilómetros sobre terra e asfalto.