Os galardoados, que foron elixidos entre 40 participantes.

O Trío Ramales e Jorge Balanzá, gañadores do Piano Meeting

O festival Piano Meeting deu a coñecer aos gañadores do seu concurso, cuxo primeiro premio recaeu nos madrileños Trío Ramales e no valenciano Jorge Balanzá. O director artístico do festival, Javier Otero, salientou durante a rolda de prensa a dificultade do xurado para realizar a selección dos galardoados, que se incorporarán ao cartel do festival. De feito, o primeiro premio, dotado con 1.000 euros, foi compartido polos madrileños Trío Ramales e polo pianista valenciano Jorge Balanzá.

A iniciativa conta co apoio da Xunta de Galicia, a través da Axencia de Turismo de Galicia e da Secretaría Xeral de Cultura. O responsable deste departamento, Anxo Lorenzo, ademais de felicitar os gañadores, referiuse a Piano Meeting como un festival de calidade nun formato innovador, próximo e participativo, que sitúa Ourense e, polo tanto, Galicia no mapa cultural con este tipo de eventos que se están a levar a cabo nalgunhas das principais cidades do mundo.

Galardoados
O primeiro premio recaeu, por unha banda, nos madrileños Trío Ramales, entre os que se atopa un dos concursante do Piano Meeting 2017, Andrés Navarro. A formación fundouse en Madrid, na Escola Superior de Música Raíña Sofía en 2014 e está integrado, ademais, polo violinista Pablo Díaz e o cellista Gonçalo Lélis. Por outra banda, o máximo galardón tamén foi para Jorge Balanzá, valenciano que actualmente estuda un máster de interpretación musical en especialidade de piano solista no Conservatorio Superior de Castela e León.

O segundo premio recaeu en Carolina Santiago, de Murcia. Ela é licenciada en grao superior e máster na especialidade de interpretación de piano en música clásica e contemporánea no Conservatori do Liceu de Barcelona.

Tamén foron elixidos polo xurado como finalistas o vigués de 16 anos Sergio de Miguel Jazz Trío, que presentou temas orixinais de jazz compostos por el; a compostelá Lara Martínez Taboada, o Dúo Liliak –conformado pola soprano Maite Arciniega e pola pianista Andrea Vilar–; Alisa Zhgenti, de 10 anos de idade, o que a converte na finalista máis nova das dúas edicións do festival; ASR Jazz Trío, gañadores do segundo premio ex aequo do Piano Meeting 2017, e que está liderado por Abraham Santiago Reboredo; a barcelonesa Rebeca Miyar e o coruñés Miguel Iglesias.

Concurso nas redes sociais
O concurso de Piano Meeting tamén inclúe unha sección nas redes sociais, aberto a toda a cidadanía que desexe participar como xurado. Os 20 elixidos deste concurso nas redes son Diego Mata Pose, Borja Gil, Manuel Josué Ramos, Trío Ancor, Trío Benonar, Melisa Zaganjori, Cristina Rodríguez, Andrea Vilar, Adriana Iglesias, Marta Aranda, David Núñez y Leticia Recamán, o coruñes Gerson Tineo, Estefanía Cereijo, Dúo Emanarte, Jacobo Ramos, Molina & Uchi Piano Dúo, Joana María Riera, Aída Saco, Marta Fernández e Magdalena Argibay. O público terá todo o mes de agosto para votalos a través de Facebook e a principios de setembro daranse a coñecer os 10 finalistas elixidos nas redes.

As rúas ourensás, escenario do festival
O Piano Meeting 2018 celebrarase a finais do mes de setembro e contará coas actuacións dos 20 músicos seleccionados na fase de concurso. Os concertos terán lugar ao aire libre en espazos emblemáticos da cidade e o festival incluirá tamén obradoiros para neófitos e concertos de grandes pianistas convidados, ao tempo que se permite a participación de espontáneos que se animen a tocar.

Na primeira edición do festival, que tamén contou coa colaboración da Secretaría Xeral de Cultura, participaron máis de 250 pianistas entre profesionais, neófitos e espontáneos, e o concerto final congregou máis de 2.500 persoas.