Estará ubicado no barrio do Couto.

O Concello pásalle a redacción da pista de skate á Xunta

O Consello Reitor do Consello Municipal de Deportes de Ourense encargou a redacción do proxecto dunha nova pista de skate para a cidade de Ourense que o alcalde da cidade, Jesús Vázquez, lle entregou á delegada territorial da Xunta, Marisol Díaz Mouteira, para que o Goberno galego asuma a súa futura execución, a través da Axencia Galega de Infraestruturas da Consellería de Infraestruturas e Vivenda. A nova instalación deportiva suporá un investimento de preto de 150.000 euros e emprazarase no barrio do Couto.

As instalacións actuais están obsoletas amais de presentar unha gran deterioración, e a construción dunha nova infraestrutura de skate é unha das demandas reiteradas polos colectivos que practican estas disciplinas.

O proxecto redactado para a nova pista de skate, que incluirá zona de street, bowl e pumptrack, adaptouse ao espazo municipal asignado dunha superficie de máis de 800 metros cadrados e emprazado no parque fronte ao Centro de Saúde do Couto, entre a estrada nacional 120.

O proxecto da nova pista de skate, na contorna do río Miño, permitirá liberar o espazo que actualmente ocupa nos arredores da capela dos Remedios da cidade das Burgas e posibilitará acometer dun xeito integral a segunda fase da posta en valor da ponte Romana, que a Xunta de Galicia ten en redacción de proxecto e que comprenderá a zona dos Remedios e a beira do río Miño nas proximidades da ponte Maior.

Na primeira fase das actuacións para poñer en valor a ponte Vella de Ourense e maila súa contorna, executada en 2016, a Xunta de Galicia investiu medio millón de euros para a mellora integral da ponte incluíndo a nova iluminación, a limpeza e restauración da sillería, eliminación de elementos impropios como as farolas ou a tubería, e a reparación da calzada.