Vítor Nieves, coordinador do Outono Fotográfico, detállanos o incumprimento económico do goberno municipal que condeou a morte a este festival.

«Cremos que desde o Concello teñen unha política cultural orquestrada. Non é casual que desapareza o cinema, a fotografía contemporánea e que poñan trabas a outras iniciativas»

Despois de 35 edicións, o Outono Fotográfico botou o peche. Dende a súa organización apuntan ao incumprimento do apoio económico por parte do goberno municipal como o respesponsable desta lamentable decisión. Nun comunicado, o seu director, Xosé Lois Vázquez, explicou que «a colaboración económica comprometida polo Concello de Ourense co festival para a 35ª edición celebrada en 2017, non foi habilitada e, tras meses de absoluta opacidade informativa, o pasado 23 de xuño, comunícasenos que, en definitiva, non se vai cumprir o acordado». Falamos con Vítor Nieves, coordinador deste festival de fotografía, o segundo máis antigo do mundo, para coñecer os detalles.

Que vos levou a tomar a decisión de que non haxa Outono Fotográfico este ano?
Vítor Nieves: «Basicamente é que temos unha edición de 2017 que está sen cobrar por parte do Concello de Ourense. É dicir, o resto de patrocinadores pagaron pero a parte do Concello, que é a máis grande, 9.000 euros, non están pagados. Despois das reunións mantidas coa Concellería de Xuventude e a de Cultura temos que desconvocar o Outono Fotográfico polas débedas que temos, polo que non podemos pensar en facer a edición de 2018».

E dá a sensación de que non vos pagarán esa débeda?
V.N.: «Confirmaron que non se van a pagar eses cartos, que están xa gastados, polo tanto actualmente as relacións están completamente rotas. Así que non podemos traballar se temos unha edición sen pagar todo».

Xustificaron por que non pagarán?
V.N.: «Non. Ademais bótanse a culpa uns aos outros -a parte técnica e a parte política- pero realmente non hai unha explicación de por que. Nós estamos seguros de que se houbera vontade política de que haxa unha cultura nesta cidade faríanse os esforzos que sexan, independentemente de que haxan informes técnicos que non avalen esa cultura. O que está claro é que si que fan outras cousas e outro tipo de cultura que ao mellor move masas pero que non é cultura real».

Eses 9.000 euros o que farían é desbloquear a débeda que tedes, pero non vos permitiría facer o festival en 2018.
V.N.: «Efectivamente. A situación é que se se reciben eses cartos pagamos as débedas ou intentámolo, porque algunhas como seguros de exposicións adquiriron intereses, pero non nos permite programar esta edición. Simplemente podemos pechar a edición pasada».

Entón é moi difícil pensar nun Outono Fotográfico 2018?
V.N.: «Imposible. Ademais, a estas alturas de ano non se pode programar e nun mes non se poden coordinar 100 exposicións. Gustaríame, pero non se pode».

Será unha pausa ou un punto e final?
V.N.: «Non quería levar nas costas a responsabilidade de ter matado ao único festival galego de fotografía contemporánea e non o quero ver coma un punto e final, pero é o que estamos vendo agora e o que estamos aínda asumindo, a nivel persoal, de que é un punto e final».

Moita xente deu mostras de apoio.
V.N.: «Sí. Desde que se fixo pública a noticia os teléfonos do equipo non pararon de soar, as redes sociais do Outono e en persoa, foi un non parar de apoio; non só a cultura senón tamén persoais».

Co Outono Fotográfico e o OUFF fóra, o Fito no armario… como vedes a política cultural do Concello?
V.N.: «Unha opinión colectiva é que cremos que desde o Concello teñen unha política cultural orquestrada. Non é casual que desapareza o cinema, a fotografía contemporánea e que poña trabas a outras iniciativas culturais. Estase a cobrando taxas a xente que usa a rúa para facer eventos, como Veranearte ou as xornadas da diversidade. Cando ten apoio económico retírao e cando non o ten cobra ás asociacións por facer eventos culturais. Isto non é casual; se as noticias que recibimos é que tambalean todas estas iniciaticas é que está orquestrado, non é casual. Quérense cargar todas as iniciativas que se organizan dun xeito organizado desde a base. A nivel persoal penso que é unha política neoliberal que busca a castración de toda esta creatividade, porque ese tipo de políticos sempre tivo medo a ese tipo de cultura; porque si que apoian a outra cultura, a do espectáculo, carísima, que move masas, pero que non move coñecemento».

Que supuxo o Outono Fotográfico en cifras?
V.N.: «En 35 anos foron máis de 6.000 artistas os que expuseron, máis de 2.000 exposicións, non só en Ourense, hai unha media de 25 cidades que acolleron algunha mostra en cada edición en Galicia e norte de Portugal. Nos últimos sete anos fixemos un esforzo pola internacionalización, en todos os países que fomos convidados o nome de Ourense estaba sempre ligado ao Outono Fotográfico».