O centro de día abrirá a finais de ano.

Abre a escola infantil do Centro Interxeracional

O curso na escola infantil da rede «A Galiña Azul» comezou no centro interxeracional de Ourense. O inicio do curso coincidiu cunha xornada de portas abertas á que acudiron pais e fillos, ademais de veciños e, na que non faltaron autoridades coma o xerente do Consorcio Galego de Benestar, Perfecto Rodríguez; a delegada da Xunta en Ourense, Marisol Díaz; e o alcalde, Jesús Vázquez.

O centro, construído e equipado pola Fundación Amancio Ortega, oferta 82 prazas para o curso 2018-2019, máis un centro de día con capacidade para 80 maiores. Xestionado pola administración autonómica a través do Consorcio, botou andar con 52 nenos; outros sete sumaranse en outubro para chegar aos 59.

A escola infantil do novo centro interxeracional de Ourense, situada na ourensá rúa Ramón Abellas, incrementa a oferta que xa ofrecía a rede “A Galiña Azul” na capital das burgas. Ate o de agora contaba con 5 centros (Colón e Barrocás, dependentes do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar; e Antela, A Farixa e Virxe de Covadonga, da Axencia Galega de Servizos Sociais), que ofrecían para o presente curso un total de 428 prazas, agora aumentará ata as 510.

A partir do próximo mes de outubro, este novo servizo para favorecer a conciliación laboral e familiar dos pais e nais de nenos de idades comprendidas entre os 0 e 3 anos, disporá ademais de servizo de comedor para todos aqueles que o precisen.

Centro de día
A grande novidade deste novo centro é o seu carácter interxeracional, xa que ndispón dun centro de día con capacidade para 80 persoas, cuxa entrada en servizo está prevista para antes do remate o ano. Así pois, nestas instalacións se desenvolverán proxectos compartidos e fomentarase o intercambio de experiencias e transmisión de tradicións entre maiores e nenos, actividades que serán sempre planificadas e supervisadas polos equipos técnicos que traballarán no centro.