A delegada territorial da Xunta, Marisol Díaz Mouteira, participou no acto de entrega de diplomas aos participantes nesta iniciativa de emprego á que a Consellería de Economía, Emprego e Industria destinou 280.000 euros.

«Caldelas III» formoi a 20 desempregados

A Consellería de Economía, Emprego e Industria entregou os diplomas aos 20 alumnos que se formaron no obradoiro de emprego Caldelas III que promoven os concellos de Castro Caldelas, Chandrexa de Queixa, Montederramo, San Xoán de Río e A Teixeira.

A delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, participou no acto de clausura desta iniciativa de emprego na que a Xunta investiu 280.000 euros e que serviu para ofrecer aos participantes durante os últimos nove meses formación teórica e práctica nas especialidades de promoción turística local e información ao visitante e xardinería e restauración da paisaxe.

O alumnado que se formou e traballou neste taller realizou labores de promoción turística e xardinería nos concellos participantes. Entre outras actuacións limparon, rozaron e sinalizaron os camiños para a creación dunha ruta circular de sendeirismo duns 108 quilómetros que une os cinco municipios.

No acto, Díaz Mouteira puxo en valor estes programas mixtos de formación e emprego que, segundo apuntou, incrementan a inserción no mercado de traballo dos seus participantes. Os obradoiros forman parte do compromiso da Xunta coa formación, xa que, segundo a delegada territorial, esta é a chave que pode abrir as portas a un futuro de oportunidades laborais.

Este ano, a Consellería de Economía, Emprego e Industria impulsa na provincia de Ourense un total de 21 obradoiros nos que se investirán 5,6 millóns de euros e que beneficiarán a 402 persoas en situación de desemprego. Dos 21 programas mixtos concedidos 18 son duais, nos que os participantes poderán combinar un contrato de formación e aprendizaxe durante nove meses, cun contrato en prácticas, de como mínimo tres meses máis, nunha empresa emprazada no mesmo ámbito territorial e cunha actividade vinculada ás materias do obradoiro. O resto, son específicos para menores de 30 anos, unha iniciativa que forma parte do Sistema Nacional de Garantía Xuvenil para seguir impulsando o emprego entre a mocidade.