Este sábado, 29 de setembro, durante todo o día na Calzada Romana da Valenzá.

A primeira Romaría Feminista preparada en Barbadás

Barbadás ten todo a punto para acoller a I Romaría Feminista, que se desenvolverá o próximo sábado, 29 de setembro, na Calzada Romana, a carón do polideportivo daValenzá. O programa de actividades dará comezo ás 11 da mañá cunha mesa de debate, a primeira de catro que se irán sucedendo ó longo da xornada coa participación de destacadas especialistas en materia de feminismo e igualdade no eido profesional.

Á noitiña chegará o momento da música, segundo anunciou a responsable da organización, Ánxela González Cid, concelleira de Igualdade de Barbadás, coas actuacións de Xestreu, De Vacas, The Tetas Van e Sés, que pecharán a xornada.

Segundo a concelleira Ánxela González, “a xornada foi concebida como un espazo de debate, discusión e reflexión sobre o feminismo e a loita para acadar a igualdade, no que tivemos coidado de que se desenvolva de xeito transversal non so polos distintos aspectos e visións que se poidan dar, senon pola idea de facilitar unha ampla participación”. «A nosa pretensión é expor a necesidade de transcender o recoñecemento das violencias que se exercen sobre as mulleres para poder apelar a responsabilidade que temos na deconstrución do heteropatriarcado e a construción dunha sociedade igualitaria para as persoas, sexa cal sexa o seu xénero, a súa orientación ou a súa identidade», resalta Ánxela González.

Neste senso, suliña a edil de Igualdade, “contaremos cunha área infantil na que os cativos terán actividades lúdicas combinadas cunha programación propia vencellada á igualdade, posto que da educación en valores igualitarios deben vir os verdadeiros avances neste senso”.

A concelleira destaca o traballo levado a cabo pola organización, “que se ve compensado polo retorno que nos chega dende hai semanas e que supera amplamente as nosas expectativas, tanto no número de peticións para instalar postos como na oferta de sectores para incorporar á reflexión e debate, como a sanidade ou o deporte e a situacións de machismo que se poidan vivir, que nesta ocasión non poidemos abordar porque xa estaba elaborado o programa, pero que polo seu interés trataremos en vindeiras edicións”.

“Por elo –dí Ánxela González Cid- estamos convencidos de que a xornada vai ser un éxito e que Barbadás se vai a convertir na capital da igualdade coa vocación de manter esa vitola, pois están sentadas as bases para o impulso constante da cultura igualitaria”. Fai fincapé tamén no traballo de recuperación feito no Parque da Calzada Romana, “que está totalmente remozado e presenta un aspecto realmente agradable, mesmamente envexable e acaído para a xornada. Por elo, invito a todos cantos o desexen que nos acompañen e participen, na seguridade de que non se sairán defraudados”.