Do 4 ao 14 traerá 16 espectáculos con varias estreas.

Chega un novo FITO

Ourense será a capital galega do teatro entre o 4 e o 14 de outubro con motivo da XI edición do Festival Internacional de Teatro de Ourense (FITO), que este ano ofrecerá 16 espectáculos de 15 compañías (seis delas dirixidas por mulleres). Nesta edición o teatro tradicional convivirá con novas propostas como teatro de rúa ou danza, da man de compañías chegadas de España, Portugal, Arxentina, Israel e Chile.

A concelleira de Cultura, Belén Iglesias, destacou que a programación permitirá aos ourensáns revisar os textos de autores clásicos, como Virginia Wolf; ou descubrir a voz de novos creadores: como Genma Brió con “Liberto”; Selu Nieto, con “La última Boqueá” ou Mariano Barroso e Alejandro Fernández, con “Todas las mujeres”.
Ademais recordou que este ano haberá nove estreas e será a oportunidade de “disfrutar da madurez do teatro ‘made in Galicia’, a través da presenza de sete compañías recoñecidas en certames do máis alto nivel”.

Por último incidiu nas actividades paralelas como o IV encontro “Mulleres creando”, que reunirá a diferentes creadoras para construír un espazo de intercambio artístico e reivindicar o papel da muller no mundo do teatro.
As representacións terán lugar no Teatro Principal e no Auditorio Municipal, que este ano adaptan os seus horarios para facilitar o acceso ao maior número de público. Así, os domingos as representacións no Teatro Principal serán as 19,00 horas, e as 20,30 horas no Auditorio Municipal. O resto da semana o horario será as 20,00 horas no Teatro Principal e as 22,30 horas no Auditorio Municipal.

A directora do FITO, Sabela Gago, defendeu ao FITO como “lugar de encontro e proxecto estratéxico para a proxección internacional de Ourense, e para impulsar aos creadores emerxentes do Teatro”.