Prolongaranse ata o 14 de outubro.

En marcha as VII Xornadas de Carne de Boi de Allariz

O pasado 28 de setembro deron comezo as VII Xornadas de Carne de Boi de Allariz. Son un total de 23 establecementos hostaleiros os que ofrecerán menús especiais con carne de boi de Allariz como ingrediente estrela e 19 deles participarán no concurso de tapas.

Desde menús a tapas, en forma de tartar, carpaccio, chuletón, hamburguesa ou churrasco, entre moitos outros, serviranse a prezos que van dende os 2 euros (as tapas) ata os 70 euros o quilo.
A programación inclúe cociña en vivo e degustacións de pratos elaborados con carne de boi de Allariz tanto no Mercado da Reserva da Biosfera como en establecementos hostaleiros.

As xornadas están enmarcadas no proxecto “Allariz Sabe”, unha iniciativa que cumpre sete anos e que sitúan a Allariz como lugar de referencia gastronómico e turístico.

Premios
No concurso de tapas será o público o que elixa a tapa gañadora. Os comensais, que teñan probado alomenos catro, votarán á mellor tapa de todas. Ademais, todos os participantes entrarán no sorteo de varios premios que se sortearán o sábado, 27 de outubro, ás 12 horas no Mercado da Reserva da Biosfera.