A iniciativa desenvolverase o vindeiro domingo, 7 de outubro, no Lagar de Xan Preto.

Oímbra recreará un prensado nun lagar rupestre

O municipio de Oímbra prepárase para acoller a recreación dun prensado nun lagar rupestre o vindeiro domingo, 7 de outubro, a partir das 11 horas, no Lagar de Xan Preto, para poñer en valor un dos produtos estrelas da comarca, o viño, e para demostrar que o municipio de Oímbra é desde hai séculos un municipio vitivinícola.

Rosendo Fernández explicou que esta actividade consistirá “nunha pisada de uvas tradicionais nun lagar rupestre, datado do século II. As uvas que se pisarán son da finca que a Deputación de Ourense ten en Monterrei, e que son cultivadas polo Inorde”. “Trátase dunha actividade novidosa que se enmarca no binomio “patrimonio e viticultura” no que está a traballar desde hai tempo o Concello de Oímbra”, engadiu o vicepresidente da Deputación de Ourense quen lembrou que Oímbra é “o Concello de Galicia con maior concentración de lagares rupestres, e a través deste tipo de actividades, pon en valor a súa riqueza natural”.

Pola súa parte, a alcaldesa de Oímbra lembrou que o municipio é “hortofrutícola e vitivinícola por excelencia, que está amparado pola IXP e pola Denominación de Orixe Monterrei”. Así mesmo, Ana Villarino dixo que con esta iniciativa queremos “poñer en valor o noso pasado co noso presente, para seguir a construír o noso futuro, a través do binomio patrimonio e viticultura”.

“Encontrar todo estes lagares, que xa estamos entorno aos 20, indica que moitos séculos atrás, Oímbra tiña unha gran tradición vitivinícola. Son lagares que como nos din os expertos datan do século II, son lagares romanos, e están nas ladeiras, o que nos fai saber que daquela as viñas estaban no monte, e co paso dos anos viñeron ao pobo porque agora o viño faise nas bodegas”, explicou a alcaldesa de Oímbra.
A actividade, na que haberá uvas brancas de variedades que hai na comarca de Monterrei, será “unha experiencia lúdico e festiva para á xente da comarca que nos vai a retrotraer ás nosas orixes”, sinalou Ana Villarino, quen lembrou que a través da colaboración coa Deputación de Ourense, “estamos a traballar nun proxecto pioneiro que é o da realidade aumentada onde as uvas que saian nas botellas do ano que vén, nesas oito bodegas comerciais que existen agora no noso concello, levarán unha pegatina que a través dunha aplicación se fará realidade aumentada neste lagar e nesa bodega comercial”.

Susana Rodríguez explicou que esta iniciativa se enmarca nos obxectivos da asociación de “traballar pola conservación da natureza e pola posta en valor da etnografía”, cunha actividade que consiste en “recrear cómo era o prensado tradicional: levaremos ás uvas, retiraremos o mosto e levarémolo á adega das Barrocas, todo elo empregando obxectos típicos daquela época dentro das posibilidades que o mundo moderno nos permite e respectando a tradición”, engadiu a técnica e educadora ambiental de Sustinea.