Tres días de recitais, música e actividades para todos os públicos.

O Poemagosto enche de cultura Allariz

O Festival Internacional de Poesía en Allariz, Poemagosto, que este ano chega á súa quinta edición, celebra os días 12, 13 e 14 de outubro a súa edición máis variada con ao redor de vinte actos nos que serán protagonistas non só a poesía en diferentes linguas senón tamén a música galega, a arte, o cinema ou o teatro.
Allariz encherase de música cada día coa presenza destacada de Mounqup, Tanxedoras e Najla Shami, venres, sábado e domingo, respectivamente.

Da Aira, creador e responsable de organización do Poemagosto, destacou na presentación o ambicioso programa deste ano. “É o Poemagosto máis ambicioso, sen dúbida. Visítannos vinte voces poéticas chegadas de Galicia, Castela, Andalucía, Portugal, Francia, o Xapón e Marrocos”, explica. “Haberá moita poesía,presentacións de libros e de proxectos vinculados coa cultura e os xa tradicionais concertos. Teremos connosco voces consagradas e outras de novísimos poetas”. Ademais, destaca o organizador do festival, buscouse descentralizar as actividades. “Queriamos que toda a vila vivise o Poemagosto. Haberá actos nas prazas e nos bares, á beira do Arnoia e no casco histórico”, comenta. “Todo grazas á colaboración de moitas empresas e entidades de Allariz”.

Nesta fin de semana virán a Allariz poetas do nivel de Chus Pato -membro da Academia Galega- ou Antonio Fernández Seoane dende Ourense, a viguesa con raíces ourensás Oriana Méndez, Olga Novo, Claudio Rodríguez Fer, Carmen Blanco, Estevo Creus, Estíbaliz Espinosa e Francisco Álvarez ‘Koki’.
Dende máis lonxe chegarán a portuguesa Judite Canha Fernandes, o xaponés Yasuhiro Yotsumoto, o marroquí Mohamed Abid, a francesa Manuela Parra (con ascendencia española), o salmantino Raúl Vacas Polo e a onubense Isabel Martín Ruiz.
A poeta Olga Novo, ademais de participar nun dos recitais, coordinou o que será o ‘Recital de Poesía Novísima’, con Iago González, Antía Balvís, Lorena Fernández, Inés Outomuro, Nuria Fernádez Robledo e Ángela del Canto, poetas de entre 16 e 19 anos.

Mounqup, coñecida como a Björk galega, propón un estilo musical que asenta os seus alicerces no jazz e na música electrónica. Tanxedoras é un grupo feminino na vangarda da renovación da música tradicional. Najla Shami xungue na súa elegante música o seu sangue galego, palestino e arxentino.
Tamén haberá tempo neste Poemagosto para as actuacións da pallasa Natalia Pajarito, o grupo de percusión alaricano Axóuxeres e o ourensán Ukelerria.

O programa complétase con mesas redondas, presentacións de libros e o 2ºCombate Poético, no que poetas disputan entre si fronte ao público para ver quen é mellor recitando composicións propias.