Esta iniciativa terá lugar o 17 de outubro no Centro Cultural “Marcos Valcárcel”.

Xornada técnica sobre iluminación saudable 4.0

Contaminación lumínica, eficiencia enerxética e iluminación saudable, a debate nunha xornada. A Deputación de Ourense coorganiza esta iniciativa que terá lugar o 17 de outubro no Centro Cultural “Marcos Valcárcel”

Ourense acollerá unha xornada técnica sobre iluminación saudable 4.0, o maior evento de iluminación urbana e técnica de Galicia, organizado polo Comité Español de Iluminación (CEI) e coorganizado pola Deputación de Ourense e o Concello de Ourense.

Rosendo Fernández, vicepresidente da Deputación, explicou que a xornada ten como obxectivo “abordar os novos retos da iluminación para a confluencia de eficiencia enerxética e tecnoloxía dixital con prestacións luminotecnias saudables, así como, analizar as novas tecnoloxías e a súa revolución na iluminación exterior a través de controis intelixentes e plataformas Smart”. Fernández destacou o apoio da Deputación de Ourense a esta xornada “por ser de gran relevancia para os concellos da provincia”.

No evento abordaranse temas relativos á eficiencia na iluminación exterior e interior, “unha das inquedanzas dos concellos, así como a influencia da luz sobre a saúde, a contaminación lumínica ou a luz intrusa, e a posibilidade que ofrecen as tecnoloxías para corrixir estas problemáticas”, explicou Ángel González. Ademais, a xornada prestará especial atención á revolución industrial da iluminación, pasando das luminarias tradicionais ás 4.0, nas que preocupa a eficiencia enerxética e a saúde das persoas.

Pola súa parte, José Araújo, concelleiro do Concello de Ourense, salientou o interese desta xornada “nos ámbitos do aforro enerxético e a contaminación lumínica” e explicou algunhas das actuacións que o Concello de Ourense desenvolve neste ámbito.

Os relatorios correrán a cargo de representantes institucionais e académicos, técnicos municipais, investigadores, fabricantes e profesionais do sector. O evento, que terá lugar o 17 de outubro no Centro Cultural “Marcos Valcárcel”. As persoas interesadas en asistir poden facer a inscrición gratuíta a través do correo electrónico ceigalicia@ceisp.com ou chamando ao teléfono 610405528.