Para celebrar os 125 anos desde o seu nacemento.

Actos polo aniversario do mestre Vide

A Deputación de Ourense colabora, xunto co Concello de Ourense, cos actos impulsados polo músico Óscar Ibáñez para conmemorar o 125 aniversario do nacemento do mestre Vide, para poñer en valor a súa obra e o seu legado cultural.
A presentación desta iniciativa tivo lugar no Pazo Provincial, e nese acto o director da Escola Provincial de Gaitas da Deputación, Xosé Lois Foxo, recibiu da familia do mestre Vide unha gaita que Vide trouxo de Cuba en 1932, a cal pasará a formar parte do museo internacional de Cornamusas.

As actividades con motivo do 125 aniversario do nacemento do mestre Vide terán lugar o vindeiro martes, 23 de outubro, cunha ofrenda floral no panteón do Orfeón Unión Orensana aos seus directores, no cemiterio de San Francisco. No acto intervirán a Coral de Ruada, interpretando obras de Vide, e un grupo de gaiteiros da Escola de Gaitas da Deputación, que interpretarán unha muiñeira inédita composta por Vide. Pola tarde terá lugar unha conferencia a cargo do musicólogo Javier Jurado sobre a vida e a obra do homenaxeado, no centro cultural “Marcos Valcárcel”.