A exposición en torno a obra de Modesta Fernández, finada no ano 2012, pode visitarse no Museo Municipal até o 9 de novembro.

“Ollada ao pasado” achega aos ourensáns a evolución da obra da artista Méborat

O Concello de Ourense presentou o catálogo da Exposición “Ollada ao pasado”, a retrospectiva en torno á obra da artista Modesta Fernández Blanco “Meborat” que se pode visitar no Museo Municipal de Ourense até o 9 de novembro. A mostra recolle 33 lenzos e 4 esculturas en pedra da artista, finada no ano 2012.

O fillo da artista, Adrián Rey, destacou na presentación, que o catálogo “recolle fantásticamente” a obra da súa nai nas súas diferentes etapas creativas, dende o realismo até a abstracción, e declarouse “moi satisfeito” pola organización e a resposta que está a ter a exposición.

A mostra pódese visitar no Museo Municipal (rúa Lepanto 8) en horario de 11:00 a 13:30 horas e de 18:30 a 21:30 horas de martes a sábados, e de 11:00 a 13:30 horas os domingos.

Pixel
Por outra banda, a sala 3 do Museo Municipal acolle dende o 25 de outubro a exposición “Pixel”, do caricaturista, ilustrado e deseñador Omar Pérez. A mostra reúne case 50 ilustracións en formato pequeno e mediano, nas que o artista propón unha viaxe ao redor do mundo a través de temas como a contaminación, o cambio climático, a migración ou as redes sociais, entre outros.