Entrevista a Marcos Pardo, autor de "Luz, un camino truncado"

“Conta a historia dunha moza que, tras sufrir unha serie de fatalidades, pérdeo todo e diríxese por un camiño de vinganza”

O artista ourensán, Marcos Pardo, fálanos da súa primeira obra literaria. Marcos Pardo vén de publicar “Luz, un camino truncado”. Unha novela de drama e misterio que apunta a unha segunda edición.

En que te inspiraches para escribir esta historia?
Marcos Pardo: “Unha tarde, escoitando unha canción, viñeron á miña mente unhas imaxes dunha rapaza aflixida, con rabia na súa mirada; aquelas escenas sucedíanse na miña imaxinación dunha maneira moi clara, como se dunha película se tratara. Entón, decidín escribir sobre aquela misteriosa muller”.

A que xénero pertence “Luz, un camino truncado” e de que trata?
M.P.: “Drama e misterio. Conta a historia dunha moza que, tras sufrir unha serie de fatalidades ,pérdeo todo e diríxese por un camiño de vinganza”.

Esta obra literaria, é a túa ópera prima?
M.P.: “Si. É a primeira vez que escribo, polo menos unha novela, dado que antes de comezar na literatura só escribía as letras dos meus temas musicais”.

A que tipo de lector vai dirixida?
M.P.: “A un lector amante do misterio, do místico, apaixoado dos enredos dunha historia chea de diversos personaxes que demandan especial atención; é unha novela na que o propio lector será o encargado de interpretar a realidade dos feitos”.

Cando a escribiches, seguiches as pautas dalgún escritor coñecido?
M.P.: “Non, limiteime a relatar e describir o que aquela visión musicalizada me dictaba”.

Ten algo que ver coa túa vida persoal?
M.P.: “A historia en si non, pero si deixo reflexadas moitas cousas de min, o xeito de pensar dalgún dos personaxes e o meu gusto polos místicos escenarios nos que se desenvolve a trama”.

En que lugares está ambientada?
M.P.: “Nunca nomeo localidades, déixoo á imaxinación do lector, pero aparece un pazo, algo típico de Galicia; ademáis nun dos capítulos, describo un dos escenarios pensando na basílica inacabada que hai baixo o solo en Santa Mariña de Augas Santas. É un lugar do que estou namorado, aparece nun videoclip que producín para o meu primeiro tema musical titulado “Dónde estás””.

Que parte da novela destacarías?
M.P.: “Ocorren moitos xiros inesperados, forma parte do xogo co lector; eu decantaríame pola parte na que relato cómo se executa a vinganza, obedecendo á película que proxectou a miña mente”.

Con que personaxe te identificas?
M.P.: “Todos os personaxes teñen algo de min, pero quizais a protagonista achégase máis á miña forma de ser, a música é algo que nos une”.

Cal foi o capítulo que máis che custou relatar?
M.P.: “O último adeus. Metinme demasiado no papel, coa intención de transmitir exactamente os sentimentos da protagonista. Espero habelo conseguido”.